Tomiño

Comunicacións

Tomiño

Tomiño latexa a ritmo de rock, emoción e orgullo galego coa gran noite do Orballo Cultural

Data de publicación: 13/06/2025


Este sábado 14 (21.15 h) a Praza Pintor Antonio Fernández de Goián prepárase para cinco horas de música, gastronomía e artesanía nun festival de balde con Heredeiros da Crus como prato forte da noite





A fin de semana complétase co contacontos musicado de ‘Cantareiras’ este venres 13 ás 19.00 h na Praza do Seixo 





E o domingo 15, representación da Escola de Teatro ás 19.00 h no auditorio municipal de Goián





Unha noite para lembrar en Tomiño. Este sábado 14 de xuño o Orballo Culturalchega ao concello con cinco horas de música en directo, gastronomía autóctona e artesanía local nun festival totalmente de balde na Praza Pintor Antonio Fernández de Goián. Un encontro que mestura vangarda e tradición cun cartel encabezado por un dos grandes do rock galego, Heredeiros da Crus, acompañados de The Limboos e de DJ Mesu para ofrecer unha experiencia única.





A festa comezará ás 21.15 h coa sesión de DJ Mesu, que quentará motores antes do directo de The Limboos ás 21.30 h. O prato forte chegará ás 23.30 h coa potente actuación de Heredeiros da Crus. A noite pecharase de novo co ritmo de DJ Mesu, que volverá aos pratos ás 01.15 h para rematar unha xornada inesquecible.





Programación para todos os públicos





A programación cultural da fin de semana comeza xa este venres 13 de xuño ás 19.00 h, coa homenaxe ás ‘Cantareiras’ na Praza do Seixo. Trátase dun contacontos ilustrado e musicado con motivo do Día das Letras Galegas, no que o recoñecido músico Marcelo Dobode acompañará coa súa mestría musical unha narración chea de historias e emocións. Ao remate, haberá un obradoiro de debuxo creativo para que as familias poidan plasmar as emocións inspiradas pola actuación.





O broche de ouro á fin de semana chegará o domingo 15 de xuño ás 19.00 h, cando o alumnado da Escola Municipal de Teatro de Tomiño subirá ao escenario do Auditorio de Goián. O Grupo Xuvenil 2 representará a obra “XL Pánico en Casa Pepe”, unha comedia para todos os públicos con entrada de balde ata completar aforo.






The post Tomiño latexa a ritmo de rock, emoción e orgullo galego coa gran noite do Orballo Cultural appeared first on Concello de Tomiño.