Tomiño
Baltasar Garzón abrirá as xornadas en homenaxe a Paquiño de Figueiró no 90 aniversario do seu asasinato
Data de publicación: 16/11/2026
Tomiño, 16 de novembro de 2026.- O Concello de Tomiño renderá homenaxe este venres e sábado, 20 e 21 de novembro, a Francisco Rodríguez Otero, Paquiño de Figueiró, cunhas xornadas de memoria histórica que reunirán no Auditorio de Goián destacadas voces da investigación, da xustiza e da recuperación da memoria democrática. Coincidindo cos 90 anos do seu asasinato en Mondariz, o encontro recuperará a traxectoria de quen foi secretario municipal e unha figura fundamental do movemento agrarista e do galeguismo no Baixo Miño, tomando a súa historia como punto de partida para abordar a represión de 1936 e o recoñecemento das súas vítimas.
A conferencia inaugural terá lugar o venres 20, ás 19.00 horas, e correrá a cargo de Baltasar Garzón, xurista de recoñecido prestixio internacional e antigo maxistrado da Audiencia Nacional, cunha ampla traxectoria vinculada á defensa dos dereitos humanos e á loita contra a impunidade. A súa participación abrirá un programa que combinará unha mirada xeral sobre a memoria histórica coa análise da represión no ámbito local, nunhas sesións abertas á cidadanía e con entrada gratuíta.
A alcaldesa, Sandra González, destaca que «segue sendo necesario facer memoria e desde as institucións debemos contribuír a que se coñeza o que pasou e a quen o sufriu. En Tomiño queremos facelo lembrando a Paquiño e contando con persoas que levan moitos anos traballando para recuperar esa parte da nosa historia ».
Paquiño de Figueiró, marido de Isaura Gómez, participou activamente na organización do campesiñado e na defensa dos seus dereitos, presidiu a Federación Agraria de Tomiño e exerceu como secretario da Federación Agraria Comarcal de Tui. O seu compromiso estendeuse tamén á prensa e á actividade política, cun papel destacado no impulso do galeguismo local e na campaña a favor do Estatuto de Autonomía de 1936. Tras a sublevación militar foi detido o 29 de xullo e, o 4 de outubro dese mesmo ano, sacado do cárcere de Tui e asasinado en Mondariz xunto a outras cinco persoas.
O programa continuará o sábado 21 cunha primeira mesa, de 10.00 a 11.30 horas, dedicada á memoria histórica desde unha perspectiva galega, na que participarán Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela; Aurora Marco, investigadora, ensaísta e catedrática da mesma universidade; e Fernando Serrulla, médico e antropólogo forense. A conversa estará moderada por Kiko Paz Antón.
Tras unha pausa, entre as 12.00 e as 13.30 horas celebrarase a segunda mesa, centrada na perspectiva local, coa participación de Helena Pousa, presidenta da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, Condado e Louriña; Kiko Antón Paz, investigador da represión franquista no sur da provincia de Pontevedra; e Montse Fajardo, xornalista e escritora especializada en memoria histórica e feminismo. Bieito Alonso será o encargado de moderar esta sesión.
Desde o Concello anímase a veciñanza a participar nestas xornadas para coñecer a historia de Paquiño e a de tantas persoas que sufriron a represión, contribuíndo a preservar unha memoria que forma parte da historia de Tomiño e que cómpre transmitir as novas xeracións.
The post Baltasar Garzón abrirá as xornadas en homenaxe a Paquiño de Figueiró no 90 aniversario do seu asasinato appeared first on Concello de Tomiño.