Tomiño

Comunicacións

Tomiño

O III Concurso de Árbores de Nadal convida a veciñanza a crear unha decoración especial para a Praza do Seixo

Data de publicación: 16/11/2026

Tomiño, 16 de novembro de 2026. – O Concello de Tomiño, a través das concellerías de Cultura e Medio Ambiente, convoca o III Concurso de Árbores de Nadal, unha iniciativa coa que anima a veciñanza a preparar as festas en compañía e contribuír á decoración da Praza do Seixo con creacións propias elaboradas con materiais reciclados ou ecolóxicos, facendo deste Nadal unha celebración máis participativa e respectuosa co medio ambiente.


O concurso está aberto a familias, grupos de amizades, asociacións, alumnado e outros colectivos da veciñanza de Tomiño, que poderán participar formando equipos de polo menos dúas persoas, sen límite máximo de integrantes, e presentar unha única árbore por grupo, cunha altura de entre 0,90 e 1,50 metros e coa resistencia necesaria para permanecer no exterior durante as festas.


O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 9 de decembro, incluído, e para participar será necesario enviar ao correo tecnica.medioambiente@tomino.gal unha fotografía da árbore acompañada dun breve texto explicativo sobre a proposta e os materiais empregados, os datos das persoas integrantes do grupo e a autorización correspondente no caso de participación de menores.


As árbores deberán entregarse na Praza do Seixo o venres 18 de decembro, entre as 8.00 e as 13.30 horas, identificadas co número asignado a cada proxecto, que terá que estar plastificado e colocado de forma segura, para proceder a súa instalación e á posterior valoración do xurado, que se reunirá ese mesmo día ás 14.00 horas.


O certame repartirá tres premios de 600, 300 e 150 euros, atendendo á creatividade e orixinalidade das propostas, ao uso e á complexidade dos materiais reciclados ou ecolóxicos, á estética e ao deseño de Nadal e a resistencia á intemperie, e a entrega celebrarase o martes 22 de decembro, ás 12.00 horas, no Salón de Plenos do Concello.


Desde o Concello anímase a veciñanza a sumarse a esta proposta, que permite compartir tempo entre xeracións e darlles unha segunda vida aos materiais mentres se prepara unha decoración coa que todas e todos poidan sentirse parte do Nadal de Tomiño.


The post O III Concurso de Árbores de Nadal convida a veciñanza a crear unha decoración especial para a Praza do Seixo appeared first on Concello de Tomiño.