Tomiño

Comunicacións

Tomiño

Tomiño revalida as catro Flores de Honra polo seu compromiso co coidado da paisaxe

Data de publicación: 15/11/2026

Tomiño, a 15 de novembro de 2026.- O Concello de Tomiño revalidou as catro Flores de Honra na novena gala de Vilas en Flor Galicia, celebrada este venres no auditorio municipal de Salceda de Caselas. O municipio mantén así, por cuarto ano consecutivo, un recoñecemento que avala o traballo continuado de mellora dos espazos verdes e conservación da paisaxe, estreitamente ligado a súa tradición viveirista e á participación da veciñanza.


A alcaldesa, Sandra González, destaca que «manter este recoñecemento durante catro anos consecutivos é unha satisfacción enorme. Detrás está o traballo diario do equipo de goberno, do persoal municipal, a colaboración cos profesionais do paisaxismo e cos viveiros e o compromiso dunha veciñanza que tamén contribúe a coidar Tomiño».


Nesta edición, o xurado valorou especialmente Cultivando Paisaxes, o proxecto que incorpora asesoramento especializado na planificación e mantemento dos espazos públicos municipais. Os novos xardíns das prazas do Seixo e da Mina exemplifican esta liña de traballo, con máis de vinte variedades de plantas e especies escollidas para reducir o consumo de auga e crear espazos máis agradables para o encontro e o descanso.


«Queremos que a nosa tradición viveirista estea presente nos espazos públicos e que o coidado da paisaxe forme parte da vida cotiá», sinala González. Nesa implicación veciñal destaca Rodéate de Vida, a campaña de reparto de árbores e plantas que tamén espertou o interese do xurado, tanto pola súa organización como pola súa incidencia nas franxas secundarias. Durante a visita tamén se valorou positivamente o novo modelo de xestión de residuos que o Concello quere implantar.


A gala reuniu os 40 municipios participantes en Vilas en Flor Galicia, un movemento promovido pola Fundación Juana de Vega, Asvinor e Agaexar, co apoio da Consellería de Medio Ambiente a través do Instituto de Estudos do Territorio, que recoñece a conservación do patrimonio vexetal e paisaxístico, a sostibilidade e a participación cidadá.



The post Tomiño revalida as catro Flores de Honra polo seu compromiso co coidado da paisaxe appeared first on Concello de Tomiño.