Tomiño, 14 de outubro de 2026.- Desfrutar de boas propostas culturais preto da casa e a prezos accesibles é unha das prioridades que guía a programación de outono do Concello de Tomiño, que esta fin de semana reúne no Auditorio de Goián dous espectáculos de alto nivel. Ibuprofeno Teatro e Malasombra traerán «Bio Construción» e «Os fabulosos cleaners», unha dobre cita para rir, pensar e deixarse sorprender que reserva tamén un lugar especial para as familias.
A alcaldesa, Sandra González, destaca que esta programación responde a unha aposta sostida no tempo: “Queremos que a veciñanza teña aquí, no seu concello, oportunidades para desfrutar de teatro de calidade. Por iso mantemos unha programación ao longo do ano, con propostas para distintos públicos e prezos que faciliten a participación. A cultura ten que formar parte da vida cotiá e desde o Concello traballamos para facelo posible”.
O sábado 17 de outubro, ás 21.00 horas, Ibuprofeno Teatro levará ao escenario «Bio Construción», unha comedia que parte dunha decisión aparentemente sinxela: deixar atrás o teatro e construír a casa dos soños. Unha parella marcha a un lugar remoto para levantar coas súas propias mans unha vivenda ecolóxica, un proxecto ao que acaba dedicando trinta anos da súa vida.
Entre o surrealismo e o absurdo, a obra fala do amor, do fracaso e das contradicións humanas, cunha mirada sobre a crise ecolóxica, as dificultades de acceso á vivenda e o propio oficio teatral. Marián Bañobre e Santiago Cortegoso dirixen e interpretan esta peza, que combina poesía, acción e humor coa música en directo de Macarena Montesinos. As entradas terán un prezo de 5 euros.
O domingo será a quenda de compartir teatro en familia. O 18 de outubro, ás 17.30 horas, Malasombra presentará «Os fabulosos cleaners», un espectáculo no que dous operarios de limpeza descobren por casualidade a maxia que poden crear con auga, xabón e as súas ferramentas de traballo.
Pompas transparentes, con fume ou vapor, pequenas ou voando polo escenario e o patio de butacas transforman unha tarefa cotiá nunha aventura chea de humor, cor e fantasía. Unha proposta visual para o desfrute de todas as idades, con entradas a 3 euros e a 1,50 euros para menores de 12 anos.
Sandra González subliña tamén o valor de achegar as artes escénicas á infancia: “Queremos que os nenos e as nenas medren desfrutando da cultura e que as familias atopen en Tomiño propostas para compartir o seu tempo. Ir ao teatro, descubrir algo novo e vivir esa experiencia xuntos é tamén unha maneira de facer comunidade”.
Con esta dobre cita, o Concello continúa a apoiar a creación galega e a dar continuidade a unha oferta cultural que combina distintos formatos e públicos. A programación de outono fai do Auditorio de Goián un punto de encontro para a veciñanza e abre novas ocasións para desfrutar da cultura sen saír do municipio.
The post Tomiño reúne humor, teatro e fantasía nunha fin de semana de grandes propostas no Auditorio de Goián appeared first on Concello de Tomiño.