Tomiño

Comunicacións

Tomiño

Tomiño reivindica o valor das traídas veciñais como modelo de xestión da auga para o rural galego

Data de publicación: 11/10/2026

Tomiño, 11 de outubro de 2026. – O modelo de xestión comunitaria da auga de Tomiño protagonizou a intervención da alcaldesa, Sandra González, no seminario Retos lexislativos para a auga urbana, celebrado este venres na Fundación Paideia da Coruña. A rexedora participou en representación da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) nun encontro con especialistas do ámbito universitario, xurídico e da xestión da auga, no que reivindicou o papel das traídas veciñais e a necesidade de adaptar a normativa ás particularidades do rural galego.


En Tomiño, o 85% da poboación abastécese a través de 36 traídas veciñais, un modelo de autoxestión que leva décadas garantindo o subministro ás vivendas do rural. O Concello mantén unha liña de colaboración continuada con estas comunidades, cunha planificación plurianual de axudas para a mellora de captacións e depósitos, o financiamento das analíticas obrigatorias, os sistemas de cloración e a adaptación á normativa sanitaria. A estas medidas súmase o impulso á dixitalización mediante ferramentas de telexestión e contadores intelixentes.


«As traídas veciñais son moito máis que unha infraestrutura de abastecemento. Son un exemplo de organización comunitaria, de responsabilidade colectiva e de compromiso co territorio. En Tomiño entendemos que apoiar estas comunidades é apoiar un modelo que funciona, que forma parte da nosa identidade e que merece ser recoñecido polas administracións», destacou Sandra González.


Esta aposta municipal tamén permitiu establecer alianzas e compartir experiencias con especialistas e delegacións técnicas de países como Irlanda, Escocia e Austria, arredor de modelos de gobernanza comunitaria da auga.


Un modelo fundamental para Galicia


Durante a súa intervención, a alcaldesa lembrou que as traídas veciñais abastecen arredor do 24% da poboación galega, unha porcentaxe que ascende ao 33% na provincia de Pontevedra, onde existen aproximadamente 1.600 comunidades de augas. Unha realidade que, segundo advertiu, continúa sen contar co recoñecemento e acompañamento institucional necesarios.


González puxo o foco nas dificultades que afrontan estas entidades, xestionadas de maneira voluntaria pola veciñanza, con obrigas administrativas e sanitarias cada vez máis complexas e custos que poden alcanzar os 6.000 euros anuais só nas analíticas obrigatorias. Neste sentido, reclamou unha maior cooperación entre administracións, apoio técnico e económico e unha simplificación dos procedementos.


«Durante décadas, os veciños e veciñas chegaron onde non chegaban as administracións. Construíron, mantiveron e xestionaron as súas propias redes de abastecemento, e agora temos a responsabilidade de garantir que poidan seguir facéndoo con seguridade e cos recursos necesarios», sinalou a rexedora.


Unha lexislación adaptada ao territorio


Como representante da FEGAMP, Sandra González abordou tamén os retos do saneamento nos concellos rurais, onde a dispersión da poboación dificulta a extensión e o mantemento das redes convencionais. Defendeu o recoñecemento da depuración autónoma como unha alternativa válida, con garantías ambientais e apoio técnico, e puxo como exemplo as axudas que ofrece Tomiño para facilitar a legalización destes sistemas.


A alcaldesa reclamou ademais maior claridade no reparto de competencias, cooperación institucional e financiamento suficiente para que os concellos poidan afrontar as súas responsabilidades.


«O importante non é que todos os territorios teñan as mesmas infraestruturas, senón que todas as persoas, vivan onde vivan, teñan garantido o mesmo dereito a uns servizos de calidade. Necesitamos que a lexislación se adapte ao territorio, e non ao revés», concluíu.


The post Tomiño reivindica o valor das traídas veciñais como modelo de xestión da auga para o rural galego appeared first on Concello de Tomiño.