Tomiño

Comunicacións

Tomiño

Os cortes eléctricos no Baixo Miño motivan unha reclamación conxunta dos catro concellos á compañía

Data de publicación: 08/10/2026

8 de outubro de 2026.- A preocupación compartida polos concellos da Guarda, O Rosal, Tui e Tomiño ante os constantes cortes de subministro eléctrico levou á Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño a abordar esta problemática na súa última reunión e a acordar unha reclamación conxunta á compañía para esixir solucións que garantan un servizo estable en toda a comarca.


As queixas que a veciñanza traslada aos municipios reflicten unha situación que está a deixar de ser excepcional, con interrupcións sen previo aviso que tamén se producen en xornadas sen condicións meteorolóxicas adversas e que afectan ao día a día dos fogares e dos servizos, ademais de ocasionar paralizacións da actividade, avarías e perdas económicas no comercio, na hostelaría e nas empresas.


Á frecuencia dos cortes súmase a falta dunha canle de comunicación directa coa compañía que permita coñecer as súas causas e a duración prevista, polo que tamén se reclama información clara sobre as incidencias e as zonas afectadas, así como unha comunicación máis áxil cos concellos para poder informar á poboación da previsión de restablecemento do servizo.


Ante esta situación, a Mancomunidade solicitou unha reunión co responsable de zona e co delegado institucional da compañía eléctrica para abordar as actuacións necesarias, entre elas unha revisión da rede de distribución por parte de UFD que permita identificar a orixe dos problemas e concretar as medidas de mantemento, reparación ou mellora que cómpre acometer en toda a comarca.


Esta iniciativa dá continuidade aos numerosos escritos e chamadas realizados desde os municipios sen que ata o momento se perciba unha mellora efectiva do servizo, polo que a Mancomunidade esixe unha resposta concreta, con medidas e prazos de execución, e insiste en que os cortes reiterados non poden asumirse como algo habitual nun subministro esencial para a veciñanza e para a actividade económica do Baixo Miño.


 


Descúbrenos | Baixo Miño


The post Os cortes eléctricos no Baixo Miño motivan unha reclamación conxunta dos catro concellos á compañía appeared first on Concello de Tomiño.