Tomiño, 5 de outubro de 2026.- A Área Sanitaria de Vigo e o Concello de Tomiño colaboran na posta en marcha do programa piloto Da consulta á comunidade, unha iniciativa interdisciplinar dirixida a previr as caídas, combater o sedentarismo e mellorar a capacidade funcional das persoas maiores de 70 anos de Tomiño e Goián.
O programa presentouse hoxe no centro de saúde de Tomiño, nun acto no que estiveron presentes o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente, e a alcaldesa de Tomiño, Sandra González. A promotora da iniciativa, a enfermeira especialista en Enfermaría Familiar e Comunitaria deste centro, Cuca Rivas, explicou que “a idea é que a consulta sexa o punto de partida dun itinerario que leve progresivamente á persoa desde o ámbito sanitario ata a comunidade, primeiro a través da fisioterapia e posteriormente mediante o exercicio nos ximnasios e as andainas”.
O proxecto nace da Mesa de Saúde de Tomiño, un espazo de coordinación no que participan profesionais sanitarios, representantes municipais e axentes comunitarios, e no que se identificou o sedentarismo entre a poboación maior como unha das principais necesidades de saúde do municipio.
Un programa en tres etapas: fisioterapia, ximnasio e andainas saudables
O programa estrutúrase en tres etapas. A primeira desenvólvese no ámbito da Fisioterapia Comunitaria, onde os participantes realizan durante cinco semanas un programa supervisado de exercicios de forza, equilibrio e marcha, con dúas sesións semanais. Esta fase permite mellorar a capacidade funcional, adaptar o exercicio ás necesidades individuais e adquirir confianza no movemento.
A segunda etapa consiste na incorporación aos dous ximnasios adheridos voluntariamente ao programa, un en Tomiño e outro en Goián, onde se realizan durante dez semanas sesións de exercicio multicompoñente, baixo a dirección dos adestradores e cun deseño coordinado coa fisioterapeuta comunitaria. Esta fase complétase cunha andaina saudable semanal polas rutas da contorna, organizada en colaboración co Concello.
O consistorio asume o financiamento da actividade física nos ximnasios durante o desenvolvemento do programa piloto. Ademais, se os resultados da experiencia son positivos, comprométese a financiar a continuidade desta actividade, co obxectivo de consolidar un recurso comunitario estable para as persoas maiores do municipio.
O primeiro grupo, correspondente á zona de Goián, iniciou a actividade o pasado 31 de agosto, cunha primeira fase de fisioterapia que rematou en setembro e a incorporación aos ximnasios a partir de hoxe. Pola súa banda, o grupo de Tomiño comezará a fase de fisioterapia o 19 de outubro e continuará posteriormente coas actividades nos ximnasios e as andainas. O programa prevé a participación de arredor de 20 persoas, distribuídas en dous grupos.
Finalmente, cando remate o programa, os participantes poderán continuar coa actividade física a través do grupo municipal de andainas saudables, favorecendo a creación de hábitos duradeiros, a autonomía persoal e as relacións sociais.
A prevención desde a Atención Primaria
A participación de Enfermaría de Atención Primaria resulta fundamental na identificación das persoas candidatas. A través das consultas, os profesionais realizan unha valoración do risco de caídas mediante a escala de Downton e do grao de autonomía funcional, para posteriormente informar a Medicina de Familia que valorará criterios clínicos e derivará á Fisioterapia Comunitaria aquelas persoas que cumpran os criterios establecidos. A fisioterapeuta confirma a situación funcional e adapta o programa ás necesidades de cada participante.
O proxecto contempla tamén sesións mensuais de educación para a saúde sobre exercicio terapéutico, alimentación e hidratación no envellecemento e prevención de caídas no domicilio, impartidas por profesionais da Área Sanitaria de Vigo.
Unha colaboración para garantir a continuidade dos coidados
O xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente, destacou a importancia da colaboración entre o sistema sanitario e as administracións locais para avanzar na prevención e na promoción da saúde: “Este programa é un exemplo de como a coordinación entre os profesionais sanitarios, o Concello e os recursos comunitarios permite achegar a prevención á vida cotiá das persoas maiores”, sinalou.
Puente tamén puxo en valor o papel da Enfermería e Medicina de Atención Primaria e da Fisioterapia Comunitaria na detección precoz da fraxilidade e na creación de itinerarios de atención que permiten dar continuidade á actividade física fóra dos centros sanitarios.
Pola súa banda, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou que “queremos que as persoas maiores poidan seguir facendo a súa vida con autonomía e confianza. Para iso, cómpre facilitarlles oportunidades para manterse activas, saír da casa e compartir tempo con outras persoas”. A rexedora agradeceu o traballo dos profesionais que impulsan o programa e sinalou que “a Mesa de Saúde permítenos identificar necesidades e sumar recursos para atendelas. Desde o Concello apoiamos esta iniciativa coa vontade de que o exercicio se converta nun hábito que teña continuidade no día a día das persoas participantes”.
O proxecto piloto contempla a avaliación dos resultados en capacidade funcional, risco de caídas, calidade de vida e adherencia ao exercicio.



The post A ÁREA SANITARIA DE VIGO E O CONCELLO DE TOMIÑO COLABORAN NUN PROGRAMA PILOTO DE PREVENCIÓN DE CAÍDAS E ENVELLECEMENTO ACTIVO appeared first on Concello de Tomiño.