Tomiño

Comunicaciones

Tomiño

Concello de Tomiño e AFAGA poñen en marcha o programa “Coidándonos” para apoiar ás persoas coidadoras

Fecha de publicación: 16/09/2026

A iniciativa parte da importancia de prestar atención tamén ás necesidades das persoas coidadoras, que no seu día a día poden afrontar situacións de sobrecarga, cambios nas dinámicas familiares, dificultades emocionais ou dúbidas relacionadas cos coidados e cos recursos dispoñibles.


O programa está composto por 12 sesións impartidas por profesionais de diferentes ámbitos do sector sociosanitario, entre eles psicoloxía, avogacía, traballo social, fisioterapia, terapia ocupacional e enfermaría. As sesións permitirán abordar diferentes aspectos relacionados co coidado e coa dependencia, desde a promoción da autonomía e a atención sanitaria no domicilio ata a xestión emocional, a comunicación, os aspectos legais e os dereitos das persoas coidadoras.


Entre os contidos previstos atópanse:


* Os motivos, habilidades e consecuencias relacionadas co coidado.

* As patoloxías e consecuencias da dependencia.

* Os recursos existentes na comunidade.

* A aceptación, identidade e apoio familiar.

* A promoción da autonomía.

* A atención sanitaria no domicilio.

* As alteracións emocionais e a comunicación eficaz.

* A xestión emocional e a relaxación.

* Os aspectos legais da dependencia.

* Os dereitos das persoas coidadoras e a toma de decisións.

* Unha escola de costas para persoas coidadoras.

* Unha saída cultural de lecer.


O programa non está limitado a persoas que coidan de familiares con demencia, senón que está aberto ás persoas coidadoras informais de persoas maiores dependentes en xeral.


As persoas veciñas de Tomiño terán prioridade no acceso ás prazas. No caso de que queden prazas dispoñibles, tamén se poderá facilitar a participación de profesionais que desenvolven tarefas de coidado de persoas dependentes, como as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).


As sesións comezarán o luns 21 de setembro de 2026 e terán lugar os luns e mércores, de 10:30 a 12:00 horas, no Espazo Isaura Gómez.


As persoas interesadas poden solicitar información e formalizar a súa inscrición a través do correo psico.bea@afaga.com ou do teléfono 691 396 143.


Con esta iniciativa, o Concello de Tomiño e AFAGA buscan ofrecer un espazo de acompañamento, formación e apoio para quen dedica parte importante do seu día a coidar doutras persoas, promovendo tamén o benestar e o autocuidado das propias persoas coidadoras.


The post Concello de Tomiño e AFAGA poñen en marcha o programa “Coidándonos” para apoiar ás persoas coidadoras appeared first on Concello de Tomiño.