Tomiño

Comunicaciones

Tomiño

Tomiño saca a poxa a madeira de 13 parcelas procedentes de expedientes de limpieza de fincas

Fecha de publicación: 23/08/2026

Tomiño, 23 de agosto de 2026.- O Concello de Tomiño vén de sacar a poxa pública a madeira procedente de 13 parcelas nas que foi necesario actuar ante o incumprimento das obrigas da limpeza de fincas por parte das persoas responsables dos terreos. O lote sae cun importe inicial de 13.222,97 euros e as empresas e persoas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 3 de setembro. 


A madeira procede de parcelas situadas nas parroquias de Tomiño, San Salvador de Tebra, Santa María de Tebra, Forcadela, Pinzás, Goián e Sobrada e está composta principalmente por piñeiros, eucaliptos e acacias.


A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salienta que “a xestión da biomasa é unha cuestión de responsabilidade individual, pero tamén de seguridade colectiva. O Concello está facendo un importante esforzo de control, seguimento e actuación para que as parcelas se manteñan nas condicións adecuadas e reducir ao máximo o risco de incendios”.


As 13 parcelas están vinculadas a expedientes tramitados polo Concello por incumprimentos das obrigas de limpeza e xestión da biomasa establecidas tanto na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, como na Ordenanza municipal de xestión da biomasa.


González lembra ademais que “o primeiro obxectivo é sempre que sexan as propias persoas responsables dos terreos as que cumpran coas súas obrigas. Cando isto non acontece, o Concello ten que actuar, porque detrás de cada expediente hai unha cuestión fundamental: protexer as persoas, as vivendas e o noso territorio”.


Desde o Concello insístese na importancia de manter as parcelas nas condicións establecidas pola normativa e de atender os requirimentos municipais, contribuíndo entre todos e todas á prevención dos incendios e á protección dos núcleos de poboación.


 


 


The post Tomiño saca a poxa a madeira de 13 parcelas procedentes de expedientes de limpieza de fincas appeared first on Concello de Tomiño.