Tomiño, 21 de agosto de 2026.- Nenos e nenas están convidados a participar nunha mañá de pintura, creatividade e diversión coa que se busca transformar o Camiño Escolar do CEIP Pedro Caselles Beltrán nun espazo máis alegre e atractivo, ao tempo que se fomenta o seu uso nos desprazamentos diarios á escola.
A actividade comezará ás 10.00 horas, con punto de encontro no Mural Lidia Cao, e parte dunha das propostas realizadas polo propio alumnado do CEIP Pedro Caselles Beltrán para mellorar e dar máis vida ao seu Camiño Escolar, facendo aos nenos e nenas protagonistas da transformación dos espazos que forman parte da súa vida cotiá.
Ao longo da mañá, e coa colaboración da artista Pilar Piñeiro, pintarán debuxos, frases e xogos en diferentes puntos do percorrido, contribuíndo a crear un itinerario máis amable, divertido e atractivo para a comunidade educativa e veciñanza.
O concelleiro de Mocidade, Agustín González, destacou que esta iniciativa “é un exemplo de como as propostas dos nenos e nenas poden traducirse en accións concretas que melloran a súa contorna. Queremos seguir dándolle voz, escoitar as súas ideas e ofrecerlles a oportunidade de participar activamente na vida do municipio”.
González puxo tamén en valor a importancia dos Camiños Escolares para favorecer a autonomía da infancia e promover unha mobilidade máis segura, saudable e sostible. “Trátase de que os nenos e nenas poidan ir gañando autonomía nos seus desprazamentos á escola a través de percorridos seguros e agradables, fomentando ao mesmo tempo hábitos saudables e unha forma diferente de relacionarse co espazo público”, salientou.
O concelleiro anim ás familias e aos nenos e nenas a participar nunha xornada que “combina creatividade, convivencia e participación e que permitirá que os máis pequenos e pequenas sintan tamén o Camiño Escolar como un espazo propio”. A actividade tamén se enmarca no traballo desenvolvido a través de Voces Novas para promover a participación activa da infancia e da adolescencia, incorporando as súas propostas ás actuacións municipais e favorecendo a súa implicación na mellora da súa contorna.
The post Voces Novas encherá de cor o Camiño Escolar do CEIP Pedro Caselles Beltrán appeared first on Concello de Tomiño.