Tomiño, 20 de agosto de 2026.- As paisaxes e recunchos das dúas beiras do Miño volveron transformarse en inspiración e lenzo para os artistas participantes nunha nova edición do Certame de Pintura ao Aire Libre Antonio Fernández. Goián e Vila Nova de Cerveira, xunto con Estás e Figueiró como novidades desta edición, compartiron unha xornada na que pinceis, cores e creatividade tomaron rúas e espazos naturais para poñer en valor o patrimonio e a identidade deste territorio transfronteirizo.
Organizada no marco da Eurocidade Cerveira-Tomiño, coa colaboración da Fundação Bienal de Arte de Cerveira e da Comunidade de Montes de Goián, a cita reuniu artistas dispostos a interpretar, cada un co seu estilo e mirada, diferentes estampas do territorio. Tras a entrega dos soportes, as persoas participantes repartíronse por distintos puntos na procura do lugar e da perspectiva que protagonizarían as súas obras. Durante horas, o público puido contemplar o proceso creativo en directo e descubrir como paisaxes, arquitectura e escenas cotiás ían tomando forma sobre os lenzos.
Ao remate da xornada chegou o momento de reunir as obras e coñecer o ditame do xurado. Estela García Ballesteros conquistou o primeiro premio, dotado con 1.200 euros, converténdose na gañadora desta edición. O segundo premio, de 500 euros, foi para Andrés Gabarres Cagiao, mentres que Abel Barandela acadou a terceira posición, tamén cunha dotación de 500 euros. O palmarés completouse con tres accésits de 100 euros cada un, concedidos a Rafael Jiménez Ambel, Tono Lorenzo Guisado e Juan Carlos Triñanes Buceta.
Máis alá dos premios, o Certame de Pintura ao Aire Libre Antonio Fernández volveu amosar a capacidade da cultura para tender pontes entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira. A iniciativa converte cada edición o territorio da Eurocidade nun espazo compartido de creación e encontro, achegando a arte á rúa e convidando a redescubrir, a través da mirada dos artistas, as paisaxes das dúas marxes do Miño.
The post A arte volve unir as dúas beiras do Miño no Certame de Pintura Antonio Fernández appeared first on Concello de Tomiño.