Tomiño

Comunicacións

Tomiño

O Concello de Tomiño prepara un dispositivo especial para seguir o eclipse solar do 12 de agosto desde o miradoiro da Magdalena

Data de publicación: 03/08/2026

Tomiño, 3 de agosto de 2026.- O vindeiro 12 de agosto, o Miradoiro da Magdalena, no Alto da Pedrada, converterase nun lugar privilexiado para contemplar un dos acontecementos astronómicos máis importantes das últimas décadas. En Tomiño, o eclipse solar parcial permitirá que a Lúa chegue a cubrir ata o 99,11 % do Sol, unha porcentaxe excepcional que fará deste fenómeno o máis destacado en Galicia nos últimos cen anos e ofrecerá unha oportunidade única para desfrutar dun espectáculo extraordinario. 


Para facilitar o seguimento deste acontecemento, o Concello de Tomiño, en colaboración coa Comunidade de Montes de Barrantes, está a organizar un dispositivo especial que incluirá medidas de seguridade, apoio loxístico e información ás persoas asistentes; o cal se publicará os vindeiros días nas redes municipais.


O eclipse comezará arredor das 19.30 horas, aínda que desde o Concello recoméndase achegarse con suficiente antelación para evitar aglomeracións e facilitar o acceso ao miradoiro, sendo a actividade de acceso libre e non precisando de ningún tipo de inscrición. Tamén se anima ás persoas asistentes a compartir vehículo sempre que sexa posible ou a realizar a subida a pé, gozando da contorna natural e das vistas que ofrece un dos puntos máis elevados do municipio.


O Concello repartirá, por orde de chegada e ata esgotar existencias, gafas homologadas para a observación segura do eclipse. Lémbrase que é imprescindible empregar este tipo de protección certificada e que nunca se debe mirar directamente ao Sol nin utilizar métodos caseiros ou lentes non homologadas.


The post O Concello de Tomiño prepara un dispositivo especial para seguir o eclipse solar do 12 de agosto desde o miradoiro da Magdalena appeared first on Concello de Tomiño.