Tomiño

Comunicaciones

Tomiño

Días para vivir Tomiño ao ritmo da cultura

Fecha de publicación: 21/07/2026

O Concello programa para esta fin de semana un espectáculo familiar, música de cámara e o XXXI Encontro dos Pobos



No verán en Tomiño non hai descanso. O Concello converte de novo esta fin de semana as rúas, as prazas e o patrimonio histórico en escenarios para acoller unha programación gratuíta pensada para todas as idades, na que se dan a man a narración oral, a música e o folclore internacional.


A primeira cita será o xoves 23 de xullo, cando PequeVerán regrese ás prazas coa proposta ‘Burromaquia’, da compañía Fantoches Baj. A partir das 19.30 horas, a Praza Pintor Antonio Fernández, en Goián, acollerá este espectáculo de narración oral que mestura contos, fábulas, poemas e cancións para render homenaxe, con humor e tenrura, a un dos animais máis presentes na memoria do rural: o burro. Unha actividade pensada para compartir en familia e seguir achegando a cultura aos máis pequenos durante as vacacións.


O venres 24 de xullo será a quenda da terceira cita do ciclo Música e Románico, unha iniciativa que une música de calidade e patrimonio histórico, convertendo as igrexas románicas de Tomiño en espazos únicos para gozar de concertos en formato íntimo. Nesta ocasión, a Igrexa de Santa María de Tebra recibirá ás 20.30 horas ao Medinukai Ensemble, formación nacida en Musikene, o Centro Superior de Música do País Vasco, que ofrecerá un repertorio pouco habitual do século XX, destacando pola riqueza de timbres e pola versatilidade das súas formacións instrumentais.


A música continuará esa mesma noite coa programación de Son e Serán, que levará á Praza do Seixo, a partir das 22.00 horas, o XXXI Encontro dos Pobos, unha das citas máis consolidadas do calendario cultural tomiñés. Organizado pola Asociación Do Lusco e Fusco en colaboración co Concello de Tomiño, o encontro reunirá sobre o escenario á agrupación tomiñesa Virxe do Alivio e aos grupos Doina Ilfovului e Vatra Buftei, procedentes de Romanía, nunha celebración da música e do baile tradicional que promove o intercambio cultural e a convivencia entre pobos.


The post Días para vivir Tomiño ao ritmo da cultura appeared first on Concello de Tomiño.