Tomiño

Comunicacións

Tomiño

O programa Reactívate baixa o pano tras unha tempada de exercicio, memoria e convivencia

Data de publicación: 09/07/2026

O programa de envellecemento activo do Concello de Tomiño pechou esta edición con máis de 75 persoas usuarias



Houbo exercicio, actividades, risas e moita convivencia. O Reactívate, programa de envellecemento activo do Concello de Tomiño, pechou unha nova edición cunha recepción na Casa Consistorial que reuniu aos máis de 75 participantes desta tempada para celebrar xuntos o que conseguiron ao longo de meses de actividade física, estimulación cognitiva e lecer compartido.


A iniciativa, impulsada dentro da axenda Impacto Saudable en colaboración coa Asociación de Familiares e Enfermos de Alzhéimer e outras demencias de Galicia (AFAGA), volveu demostrar esta tempada que a vitalidade non entende de idades. O programa, con grande acollida entre a poboaciób, chegou a máis de 75 persoas usuarios en Tomiño e nas parroquias de Barrantes, Sobrada e Tebra.


A través de dúas sesións semanais, Reactívate combina actividade física, exercicios de estimulación cognitiva e actividades de lecer, creando espazos de convivencia, apoio mutuo e participación social que van moito máis aló do exercicio. A recepción no Concello foi o xeito de recoñecer publicamente o esforzo e a constancia de todas as persoas que participaron esta tempada.


Como sinalou a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, “Reactívate é moito máis que un programa para fortalecer corpo e mente, é un lugar no que crear comunidade e garantir que as nosas persoas maiores teñan espazos activos, participativos e próximos con actividades que lles resultan interesantes, atractivas e útiles, favorecendo que saian da casa, estean en contacto con outras persoas e se manteñan activas e activos”.


A rexedora subliñou o compromiso do Concello con este tipo de iniciativas, xa que “traballamos para que a saúde e o benestar sexan unha prioridade en todas as etapas da vida. Que o programa siga medrando cada edición dinos que estamos no camiño correcto”.


The post O programa Reactívate baixa o pano tras unha tempada de exercicio, memoria e convivencia appeared first on Concello de Tomiño.