Tomiño

Comunicacións

Tomiño

Tomiño dá a benvida ao verán con tres días de actividades para toda a familia en Goián

Data de publicación: 22/06/2026

Inchables gratuítos, unha festa temática pola volta ao mundo e un concerto participativo con instrumentos insólitos enchen o Espazo Fortaleza e a Praza Pintor Antonio Fernández do venres 26 ao domingo 28 de xuño



Tomiño dá a benvida ao verán e a toda a programación estival con tres días de actividades deseñadas para desfrutar en familia, con Goián como escenario central e sen ter que mirar o peto nin apuntarse a nada con antelación.


A programación comezará o venres 26 de xuño, enchendo o Espazo Fortaleza de de inchables de 17 a 20 horasnunha xornada de balde, sen inscrición previa e sen límite de prazas. Unha benvida á estación estival tan sinxela como efectiva: aire, risas e familia.


O sábado 27 de xuño, o mesmo espazo acolle A volta á Fortaleza en 180 minutos, unha festa temática que converte o Espazo Fortaleza nun percorrido de aventuras con diferentes paradas de xogos e obradoiros para todos os públicos ambientados en ‘A volta ao mundo en 80 días’, tamén de 17 a 20 horas.


O broche de ouro chegará o domingo 28 de xuño cun dos espectáculos máis sorprendentes da programación: Tubos do Mundo, do artista Xavi Lozano, un concerto participativo onde vasoiras, escaleiras e barreiras de obra se converten en instrumentos musicais. A cita é ás 19.30 horas na Praza Pintor Antonio Fernández de Goián, e promete deixar ao público coa boca aberta e as mans aplaudindo.


Toda a programación é de acceso libre e gratuíto.


The post Tomiño dá a benvida ao verán con tres días de actividades para toda a familia en Goián appeared first on Concello de Tomiño.