A presentación oficial do club de produto de Galicia Sureoste será o vindeiro 26 de xuño en Tomiño
A Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste celebrou no Espazo Isaura Gómez, en Tomiño, a derradeira mesa de traballo do proceso participativo para a creación do Club de produto Galicia Suroeste, unha iniciativa de índole turística vencellada ao sector primario e á posta en valor dos recursos propios do territorio.
Con este encontro péchase a primeira fase de implantación do club, desenvolvida nos últimos meses a través dun proceso aberto á participación de axentes económicos e turísticos da comarca. A sesión tivo como finalidade contrastar co tecido empresarial o borrador do regulamento, así como avanzar na definición do procedemento de adhesión e dos requisitos que deberán cumprir as diferentes tipoloxías de entidades interesadas en formar parte da iniciativa.
Na reunión participaron empresas representativas da diversidade económica de Galicia Suroeste, entre elas axencias de viaxe, viveiros, adegas e actividades vinculadas á artesanía. Esta variedade de perfís permitiu abordar o futuro club desde unha visión integral, incorporando achegas procedentes tanto do ámbito turístico como das actividades produtivas e creativas que contribúen a reforzar a identidade do destino.
Durante a mesa de traballo presentouse o marco xeral de funcionamento do club, os criterios de pertenza e os mecanismos de gobernanza previstos para garantir unha xestión coordinada, participativa e coherente cos obxectivos do proxecto. As persoas asistentes puideron trasladar dúbidas, comentarios e propostas de mellora, nunha sesión concibida como espazo de validación final antes da aprobación definitiva do manual do Club de produto.
O futuro Club de produto Galicia Suroeste nace coa vontade de artellar unha oferta integrada, diferencial e enraizada no territorio, capaz de conectar o sector turístico coa produción local, a cultura, a paisaxe e os oficios que definen a identidade da comarca. A través deste instrumento, Galicia Suroeste busca fortalecer a cooperación entre empresas, mellorar a visibilidade da oferta existente e avanzar cara a un modelo de desenvolvemento turístico máis sostible, colaborativo e vinculado aos recursos endóxenos.
Esta actuación enmárcase no Plan de Sostibilidade Turística en Destino “A Despensa de Galicia”, financiado pola Unión Europea a través dos fondos NextGenerationEU no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, e liderado pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural. A creación do Club de produto constitúe unha das liñas estratéxicas deste plan, orientada a reforzar a cooperación intersectorial, diversificar a oferta turística e consolidar un destino con identidade propia.
The post Galicia Suroeste encara a recta final para poñer en marcha o seu club de produto appeared first on Concello de Tomiño.