A segunda fin de semana de ‘Tomiño en marcha’ propón dous percorridos de dificultade media que parten de Vilachán este venres 19 e o domingo 21 de xuño
‘Tomiño en marcha’ regresa esta fin de semana con dúas novas rutas guiadas polos sendeiros naturais do municipio, de balde e sen necesidade de inscrición previa. A iniciativa, impulsada polo Concello ao abeiro da Axenda Impacto Saudable, consolídase así como un referente de fin de semana para a veciñanza que quere descubrir de forma accesible a riqueza paisaxística e patrimonial do territorio.
A primeira cita será o venres 19 de xuño coa Ruta ao Alto da Pedrada, un percorrido lineal de case 8 quilómetros, cunha duración aproximada de tres horas e dificultade media-baixa. A saída terá lugar ás 20.30 horas desde a Escola de Vilachán do Monte, nunha proposta ideal para gozar da paisaxe ao solpor.
A fin de semana completarase o domingo 21 de xuño co percorrido da Ruta do Río Penís e viñedos, unha andaina circular de 9,5 quilómetros que combina a beleza fluvial coa tradición vitivinícola da zona, cunha duración estimada de case tres horas e dificultade media-alta. Neste caso, a saída realizarase ás 09.30 horas desde o Parque da Árbore de Vilachán.
A través destas andainas guiadas, as persoas participantes poderán coñecer de primeira man os recursos naturais, paisaxísticos e culturais que agochan as diferentes parroquias do municipio, ao tempo que comparten unha experiencia saudable e accesible ao aire libre.
As rutas do programa poden consultarse e descargarse de balde a través das plataformas especializadas Wikiloc e Komoot.
O Concello anima á veciñanza a sumarse a esta iniciativa e a aproveitar esta oportunidade para descubrir ou redescubrir recunchos singulares de Tomiño nun ambiente participativo e próximo. ‘Tomiño en marcha’ continuará durante os meses de xuño e xullo percorrendo progresivamente as distintas rutas do municipio, consolidándose como unha proposta que combina natureza, benestar, deporte e coñecemento do territorio.
The post Tomiño continúa as súas andainas guiadas cunha ruta ao alto da Pedrada e polo río Penís appeared first on Concello de Tomiño.