Tomiño

Comunicaciones

Tomiño

En Tomiño este verán as compras valen dobre

Fecha de publicación: 02/06/2026

Concello e ADETO lanzan a ruta ‘Verán+Verán’, que premiará a clientela que aposte polo comercio local con ata 3.000 euros en vales para as compras realizadas entre o 3 e o 22 de xuño



En Tomiño este verán as compras valen dobreEste verán cada compra pode ter premio en Tomiño. O Concello e ADETO poñen en marcha a ruta ‘Verán+Verán’, unha iniciativa que busca dar un novo pulo ao comercio local no período estival e agradecer a fidelidade da clientela que aposta polas compras de proximidade.


Con esta nova campaña, as persoas que compren entre o 3 e o 22 de xuño nos establecementos adheridos poderán participar no sorteo de ata 3.000 euros en vales de compra. A mecánica é sinxela: todas as persoas que realicen compras superiores a 20 euros mentres a ruta está en marcha, poderán depositar o seu ticket nas urnas habilitadas nos comercios participantes para entrar no sorteo dos vales, que serán do dobre do valor do tícket depositado ata un máximo de 100€.


Desde o Concello anímase á veciñanza a sumarse a esta iniciativa e a seguir apostando polo comercio local. “Cada compra que facemos en Tomiño contribúe a manter vivo o tecido comercial do municipio, xera emprego, dinamiza as rúas e fortalece a economía local. Campañas como esta son unha forma de premiar á clientela e de recoñecer o esforzo diario dos nosos establecementos”, destacan desde o goberno municipal.


A campaña inclúe ademais un concurso de decoración entre os establecementos adheridos, co obxectivo de contribuír a crear un ambiente atractivo e dinamizador nas rúas comerciais do municipio durante o inicio da tempada estival. Os negocios participantes optarán a tres premios aos mellores escaparates: 400€ ao que quede na primeira posición e 300 e 200€ ao segundo e terceiro premiado, respectivamente. Deste xeito, a iniciativa non só incentiva as compras, senón que tamén promove a creatividade, a implicación dos negocios e a mellora da imaxe comercial de Tomiño.


A campaña reúne unha ampla representación do comercio tomiñés, con negocios de sectores tan diversos como moda, calzado, alimentación, deporte, fotografía, decoración, librarías, estética, parafarmacia ou ferraxaría, demostrando a variedade e calidade da oferta comercial existente no municipio. Os establecementos participantes son:



  • A Cova dos Manxares

  • Agrícola Tomiño

  • Alimentación Olga

  • Arte Peluquería

  • Calzados González

  • Celdis Estipel

  • Chévere

  • Confecciones Isabel

  • Ferraxaría A Roda

  • Fotomiño

  • Carrera Decoración

  • Joyería Pazo

  • Librería Ideas

  • Librería Novidades

  • Litosport

  • Mercería Chantilly

  • Parafarmacia Roma

  • Ro&Ro

  • Rodríguez The Brand Store

  • Roupa Paredes

  • Xoaniña de Cores


Con esta nova acción promocional, Concello e ADETO continúan traballando da man para impulsar o consumo de proximidade e reforzar o papel fundamental que desempeña o comercio local na vida económica e social de Tomiño.



The post En Tomiño este verán as compras valen dobre appeared first on Concello de Tomiño.