Coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente, o Concello prepara unha programación con catro actividades arredor da biodiversidade arbórea e da protección ambiental
Hai árbores que medran devagar, pero deixan pegada durante xeracións. Con esa idea como fío condutor, o Concello de Tomiño celebrará unha nova edición da súa Semana do Medio Ambiente, unha cita xa tradicional que este ano pon o foco na importancia da protección e plantación de especies autóctonas e na conexión da veciñanza coa riqueza natural do municipio.
Seguindo co lema ‘Tomiño Natural’, o Concello deseñou unha programación aberta a todas as idades coincidindo coa celebración do Día Mundial do Medio Ambiente, o vindeiro 5 de xuño. O obxectivo: achegar o coñecemento do medio, promover hábitos responsables e fomentar a implicación colectiva no coidado da natureza.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, anima á veciñanza a participar “nunha semana pensada para desfrutar da nosa contorna pero tamén para reflexionar sobre a responsabilidade compartida que temos na súa protección”. A rexedora lembrou ademais “a importancia da plantación de árbores autóctonas, fundamentais para manter a biodiversidade, ofrecer alimento e refuxio á fauna local, mellorar a calidade do aire e protexer o solo fronte á degradación e a erosión”.
A programación arrancará o venres 5 de xuño coa proxección da película O que arde, de Oliver Laxe, ás 21.00 horas no Auditorio de Goián, unha proposta cinematográfica que conecta directamente coa relación entre persoas, territorio e natureza.
O sábado 6 de xuño será a quenda da literatura e da educación ambiental coa presentación do conto Xela, aventura na fraga, da autora Inma Soto, ás 12.00 horas no Espazo Isaura Gómez.
A programación rematará o domingo 7 de xuño cunha intensa xornada en familia da man de Biophilia Ambiental. A actividade incluirá un roteiro interpretativo sobre biodiversidade dende os Muíños do Porto ata os Carballos da Chanciña, un percorrido de dificultade media-alta e aproximadamente dúas horas e media de duración que sairá ás 10.00 horas desde o terreiro de Vilameán.
Xa pola tarde, entre as 16.00 e as 18.00 horas, celebrarase no mesmo espazo o obradoiro ‘O meu primeiro herbario’, pensado para achegar ás crianzas e ás familias ao coñecemento das especies vexetais dunha forma práctica e participativa.
A concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, destacou que “durante esta semana queremos poñer o foco na importancia dos pequenos xestos individuais con actividades que nos axudan a entender mellor os problemas ambientais e aprender entre todas e todos como contribuír á súa preservación”. Como salienta a edil, nesta edición centrada nas árbores autóctonas poderemos descubrir “como os nosos bosques están cheos destas especies, propias da nosa identidade e da riqueza natural do territorio pero tamén doutras que van gañando terreo e deixando ás nosas especies fóra. Por iso é importante concienciar e contribuír entre todos e todas a volver a encher os nosos montes de vida autóctona”.
Para participar nas actividades do domingo 7 será necesaria inscrición previa a través da web municipal. As propostas son independentes, polo que a veciñanza poderá anotarse unicamente ao roteiro, ao obradoiro ou ás dúas actividades. Ademais, as persoas participantes nas dúas sesións poderán levar a súa propia comida e facer uso das mesas habilitadas no punto de encontro para xantar e permanecer na zona ata o inicio da actividade da tarde.




The post Tomiño bota raíces cara ao futuro na súa tradicional Semana do Medio Ambiente appeared first on Concello de Tomiño.