Tomiño

Comunicaciones

Tomiño

Tomiño acolle unha xornada dos ‘Petiscos IKFEM’, unha experiencia cultural entre viñedos, patrimonio e música en directo

Fecha de publicación: 29/05/2026

Será o 20 de xuño cun encontro literario ás 12 h con Chus Pato e Oriana Méndez no Centro Goianés e concerto de Manuel Luque Quartet ás 20 h nos viñedos de Altos de Torona 


Unha actividade organizada polo IKFEM Festival Tui-Valença en colaboración co Concello como antesala da 14ª edición deste festival transfronteirizo


O IKFEM Festival Tui-Valença presenta os “Petiscos IKFEM”, dous eventos especiais no mes de xuño que servirán de antesala á 14ª edición do festival transfronteirizo. Unha destas citas será en Tomiño e contará coa colaboraciónd o Concello para converter o Baixo Miño nun escenario onde literatura, música, viño, gastronomía e patrimonio dialogarán nun formato íntimo e experiencial pensado para todos os públicos.


A programación reunirá o 20 de xuño algunhas das voces máis destacadas da creación contemporánea galega e estatal. A poeta Chus Pato, Premio Nacional de Poesía 2024 e referente internacional da literatura galega contemporánea, protagonizará un  encontro literario coa escritora Oriana Méndez aberto ao público con entrada de balde. Será ás 12.00 h nun espazo patrimonial cargado de simbolismo como o Centro Goianés que rematará cun recital poético acompañado de música instrumental.


O ciclo tamén reivindica a música en directo como experiencia sensorial e emocional, coa presenza en Tomiño dun proxecto musical de enorme personalidade, o ML Quartet, unha das formacións emerxentes máis prometedoras do novo jazz estatal e gañador do Concurso de Juventudes Musicales de España. A experiencia terá lugar na adega Altos de Torona, que abrirá as portas dos seus viñedos e espazos históricos para ofrecer visitas guiadas e catas comentadas, convertendo o viño e a paisaxe en parte esencial desta proposta cultural. O concerto de jazz comezará ás 20 h e rematará cunha cata de viño posterior, aínda que as persoas interesadas poderán realizar unha visita guiada previa aos viñedos para coñecer o traballo desta adega ás 19.00 h. O prezo da entrada é de 20 euros e pode adquirirse en www.ikfem.com e Ataquilla.


Con “Petiscos IKFEM”, este festival transfronteirizo reforza a súa identidade como proxecto que traza pontes entre disciplinas, territorios e sensibilidades artísticas, levando o espírito IKFEM a novos espazos bañados polo Miño. Os “Petiscos IKFEM” nacen como pequenos aperitivos culturais que quentan motores para o festival de verán, apostando pola proximidade co público e pola creación de experiencias únicas arredor da arte e do territorio.


O IKFEM Festival Tui-Valença é hoxe unha das citas culturais máis singulares da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Consolidado ao longo de catorce edicións consecutivas, o festival desenvolve concertos e actividades en espazos patrimoniais e paisaxísticos emblemáticos de Tui e Valença convertendo a música e a cultura nunha ferramenta de encontro entre linguas, tradicións e creación contemporánea. A súa 14ª edición terá lugar na Eurocidade Tui-Valença do 16 ao 19 de xullo.


CHUS PATO (Premio Nacional de Poesía 2024)


Natural de Ourense, é autora de doce poemarios, publicados entre 1991 e 2023, polos que recibiu varios galardóns como o Premio da crítica de poesía galega, en  dúas ocasións o Losada Diéguez, o Premio da Irmandade do libro,  o Clara Campoamor ou o Premio da Crítica de Galicia na modalidade de Creación literaria. Destacamos a pentaloxía Decrúa, antes método que inclúe m-Talá, Charenton, Hordas de escritura, Secesión e Carne de Leviatan e tamén o seu último libro Sonora que se alzou co Premio Nacional de Poesía. Sete dos seus libros foron traducidos ao inglés por Erin Moure e publicados en Gran Bretaña, USA e Canadá; outros en países como Arxentina, Portugal, Holanda, Bulgaria, Francia e Chile; do mesmo xeito seleccións dos seus poemas foron traladados  ao catalán, éuscaro, polaco, árabe clásico, francés, romanés, ruso, eslovaco, alemán, esloveno, alemán e italiano. A súa obra foi recollida en decenas de antoloxías nacionais e internacionais. Participou en múltiples festivais tanto no continente americano como en Europa, África e Asia. O 23 de setembro do 2017 ingresou como membro de número na Real Academia Galega.


ML QUARTET (JAZZ)


A súa música amosa influencias do jazz moderno e a música improvisada, con pinceladas de folklore tradicional e flamenco, das que se vale para desenvolver as diferentes cores e formas que toman as composicións. Cun gran dinamismo e empatía entre músicos novos e novas, os seus concertos crean unha viaxe donde a audiencia se mergulla en variados espazos sonoros, onde músicos interactúan e improvisan buscando a súa versión máis honesta. Desta maneira cada oportunidade de compartir a súa música en vivo convértese nunha experiencia única e irrepetible.


ML Quartet xurde da necesidade de Manuel Luque de crear un espazo onde compartir as súas historias a través de composicións e desenvolver un son conxunto, inspirado pola escena vibrante e diversa da cidade de Barcelona. O seu álbum debut, Cicatrices, publicado en xaneiro de 2024 (Temps Records) é un traballo de cancións dedicadas a diversas experiencias vividas e a aprendizaxe destas, a celebración dos momentos adversos e a reflexión sobre o impacto do pasado no presente e futuro. En 2024, acadou o II Premio na 110ª da convocatoria do prestixioso Concurso Juventudes Musicales de España, na modalidade de Jazz.


Intérpretes:



  • Manuel Luque – Contrabaixo

  • Joan Martí i Devesa – Saxofón

  • Vicente Marín – Piano

  • Lluís Pérez-Villegas – Batería


 


VIÑEDOS ALTOS DE TORONA (GRUPO HGA) – TOMIÑO


A tradición vitivinícola da familia Gómez comeza hai máis de 30 anos na súa casa da infancia no Rosal (Galicia) … Pero a súa paixón polo viño consolídase anos máis tarde, cando no 2002 funda o seu primeiro proxecto adegueiro en familia: Adegas Altos de Torona. Hoxe en día, na súa terceira xeración, mantén o respecto pola tradición e o interese pola innovación no coidado da viña para o que seguen prácticas respectuosas co medio ambiente, a conservación do chan e a paisaxe.


Coas súas 94 hectáreas, o de Altos de Torona é o maior viñedo dunha soa peza na nosa contorna. A súa superficie e a nosa filosofía empeñada no desenvolvemento sostible en todos os nosos procesos, propiciou o asentamento dunha riqueza biolóxica extraordinaria, un obxecto de desexo para zoólogos e botánicos no que múltiples especies participan ao seu xeito no carácter final dos nosos viños. Este espazo é o hábitat de 91 especies de plantas e 71 de animais, que non deixan de ser ingredientes de todo o proceso que enriquece á vide desde as súas raíces, mostrando saúde e integración na Natureza.


Altos de Torona pertence ao gran grupo HGA Bodegas. Neste concerto descubriremos co jazz un viñedo único, onde natureza, tradición e innovación danse a man.


The post Tomiño acolle unha xornada dos ‘Petiscos IKFEM’, unha experiencia cultural entre viñedos, patrimonio e música en directo appeared first on Concello de Tomiño.