Tomiño

Comunicaciones

Tomiño

A Gladiator Race Junior da Eurocidade abre 400 prazas para unha mañá de obstáculos e diversión en Goián

Fecha de publicación: 27/05/2026

A proba, gratuíta, celebrarase o sábado 4 de xullo no Espazo Fortaleza a partir das 10.30 h


 


Saltos, barro, cordas e moita adrenalina volverán converter Goián nun gran circuíto de aventura para a rapazada. A Eurocidade Cerveira-Tomiño xa quenta motores para unha nova edición da Gladiator Race Junior, unha proba deportiva pensada para que infancia e mocidade desfruten do deporte ao aire libre a través de retos, obstáculos e traballo en equipo.


O evento desenvolverase o sábado 4 de xullo a partir das 10.30 horas no Espazo Fortaleza de Goián e contará cun máximo de 400 prazas gratuítas para participantes de diferentes idades. A actividade promove propostas de convivencia e dinamización entre ambas beiras do Miño a través do deporte, o lecer e a participación xuvenil.


A Gladiator Race Junior contará con diferentes categorías adaptadas ás idades das persoas participantes. A categoría Mini Kids, para nenos e nenas de entre 3 e 6 anos anos, serán os encargados de abrir a xornada enfrontándose a un percorrido de 500 metros, seguidos da categoría Kids, para rapaces e rapazas de 7 a 11 anos e un circuíto de 1km.


Pola súa banda, a categoría Junior estará dirixida a mozos e mozas de entre 12 e 20 anos, que competirán por equipos mixtos de entre cinco e sete integrantes. Neste caso deberán completar un percorrido de 2 quilómetros, chegando á meta un mínimo de cinco membros do equipo ao mesmo tempo.


Dende a organización destácase o carácter inclusivo e participativo da proba, especialmente nas categorías infantís, nas que as crianzas poderán realizar o percorrido acompañadas dunha persoa adulta para axudarse mutuamente a superar os obstáculos. As inscricións xa están abertas a través da páxina web oficial da Gladiator Race para participar nunha actividade que combina exercicio físico, diversión e convivencia entre a mocidade da Eurocidade.


A iniciativa forma parte da operación 021_REDE_GOV MINHO, cofinanciada ao 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do programa INTERREG VI-A POCTEP.


The post A Gladiator Race Junior da Eurocidade abre 400 prazas para unha mañá de obstáculos e diversión en Goián appeared first on Concello de Tomiño.