Tomiño

Comunicacións

Tomiño

O ilusionismo espállase por prazas e parroquias de Tomiño coa terceira edición de Miñomáxico

Data de publicación: 19/05/2026

O III Festival Internacional de Maxia chega a Tomiño do 22 ao 31 de maio cunha ampla programación gratuíta para todos os públicos



O imposible volverá suceder diante dos ollos da veciñanza en cada recuncho de Tomiño. O ilusionismo regresa con forza ao municipio coa celebración do III Festival Internacional de Maxia de Tomiño, Miñomáxico, unha cita que converterá parroquias, prazas, rúas e espazos culturais nun grande escenario cheo de sorpresa, humor e fantasía para toda a familia.


Organizado polo Concello de Tomiño en colaboración coa Asociación de Maxia do Baixo Miño-Miñomáxico, o festival celebrará a súa terceira edición do 22 ao 31 de maio cun amplo programa de actividades gratuítas que achegarán ao público espectáculos de rúa, galas, maxia de preto, obradoiros e actuacións pensadas para todas as idades da man dalgúns dos mellores artistas do panorama nacional e internacional.


Entre eles destaca a participación do tomiñés Samuel Moreno, semifinalista de Got Talent España 3, que volverá actuar na súa terra cunha proposta fresca, moderna e participativa coa que sorprenderá ao público máis novo e tamén ao adulto.


A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salientou que “Miñomáxico converte as parroquias e prazas de Tomiño nun espazo de encontro, alegría e cultura, onde cada recuncho cobra vida a través do ilusionismo e da imaxinación”. A rexedora destacou ademais a aposta municipal “por un modelo cultural inclusivo e descentralizado que chegue a todas as parroquias do concello. Estamos convencidas e convencidos de que este festival volverá unir xeracións arredor de espectáculos únicos”.


A programación arrancará esta mesma fin de semana coas primeiras actividades. O venres 22 de maio haberá maxia polo comercio local, de 18.30 a 20.00 horas, nos establecementos participantes no concurso de escaparates. Xa o sábado 23 a maxia chegará ás parroquias con actuacións en Forcadela ás 17.00 h e en Currás ás 20.00 h.


O festival continuará a seguinte fin de semana cun intenso programa. O venres 29 pola mañá haberá unha visita especial ao Centro de Maiores e Voluntade, mentres que pola tarde terá lugar a inauguración oficial ás 18.00 horas na Praza do Seixo para ás 19.00 horas trasladar a maxia ao comercio gañador do concurso de escaparates. Ás 21.00 horas Óscar Fernández presentará o espectáculo Todos á vez e ao mesmo tempo na Biblioteca do Espazo Isaura Gómez.


O sábado 30 comezará cun Taller de Maxia ás 11.00 horas no Espazo Isaura Gómez, para o que será precisa inscrición previa a través do formulario habilitado a partir do día 22 de maio. Ás 12.00 horas Samuel Moreno ofrecerá unha sesión de maxia de preto no Mercado de Tomiño. Xa pola tarde, Óscar Fernández actuará ás 17.00 horas na Praza da Mina e O Mago Paco fará o propio ás 18.30 horas na Praza Pintor Antonio Fernández de Goián. A xornada pecharase coa Gala Unipersonal da Maga Gisell, Sueños de una maga, ás 20.30 horas no Auditorio de Goián.


O domingo 31 continuará a programación con maxia na rúa ás 11.00 horas na Praza do Seixo da man de O Mago Paco e cunha nova sesión de maxia de preto con Óscar Fernández ás 12.30 horas no Espazo Isaura Gómez. Pola tarde, o Espazo Fortaleza de Goián acollerá outro espectáculo de Óscar Fernández ás 17.00 horas e o festival pecharase ás 20.00 horas coa Gran Gala Final no Auditorio de Goián.


Con esta terceira edición, Miñomáxico consolídase como unha das citas culturais máis singulares da comarca, levando a maxia máis alá dos escenarios tradicionais para encher Tomiño de ilusión, participación e cultura compartida.


The post O ilusionismo espállase por prazas e parroquias de Tomiño coa terceira edición de Miñomáxico appeared first on Concello de Tomiño.