Tomiño

Comunicacións

Tomiño

O ilusionismo espállase por prazas e parroquias de Tomiño coa terceira edición de Miñomáxico

Data de publicación: 19/05/2026

O III Festival Internacional de Maxia chega a Tomiño do 22 ao 31 de maio cunha ampla programación gratuíta para todos os públicos


O imposible volverá suceder diante dos ollos da veciñanza en cada recuncho de Tomiño. O ilusionismo regresa con forza ao municipio coa celebración do III Festival Internacional de Maxia de Tomiño, Miñomáxico, unha cita que converterá parroquias, prazas, rúas e espazos culturais nun grande escenario cheo de sorpresa, humor e fantasía para toda a familia.


Organizado polo Concello de Tomiño con Samuel Moreno e Javier Argüelles, o festival celebrará a súa terceira edición do 22 ao 31 de maio cun amplo programa de actividades gratuítas que achegarán ao público espectáculos de rúa, galas, maxia de preto, obradoiros e actuacións pensadas para todas as idades da man dalgúns dos mellores artistas do panorama nacional e internacional.


Entre eles destaca a participación do tomiñés Samuel Moreno, semifinalista de Got Talent España 3, que volverá actuar na súa terra cunha proposta fresca, moderna e participativa coa que sorprenderá ao público máis novo e tamén ao adulto.


A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salientou que “Miñomáxico converte as parroquias e prazas de Tomiño nun espazo de encontro, alegría e cultura, onde cada recuncho cobra vida a través do ilusionismo e da imaxinación”. A rexedora destacou ademais a aposta municipal “por un modelo cultural inclusivo e descentralizado que chegue a todas as parroquias do concello. Estamos convencidas e convencidos de que este festival volverá unir xeracións arredor de espectáculos únicos”.


A programación arrancará esta mesma fin de semana coas primeiras actividades. O venres 22 de maio haberá maxia polo comercio local, de 18.30 a 20.00 horas, nos establecementos participantes no concurso de escaparates. Xa o sábado 23 a maxia chegará ás parroquias coa actuación en Currás ás 20.00 h e do domingo 24 en Forcadela ás 17.00 h.


O festival continuará a seguinte fin de semana cun intenso programa. O venres 29 pola mañá haberá unha visita especial ao Centro de Maiores e Voluntade, mentres que pola tarde terá lugar a inauguración oficial ás 18.00 horas na Praza do Seixo para ás 19.00 horas trasladar a maxia ao comercio gañador do concurso de escaparates. Ás 21.00 horas Óscar Fernández presentará o espectáculo Todos á vez e ao mesmo tempo na Biblioteca do Espazo Isaura Gómez.


O sábado 30 comezará cun Taller de Maxia ás 11.00 horas no Espazo Isaura Gómez, para o que será precisa inscrición previa a través do formulario habilitado a partir do día 22 de maio. Ás 12.00 horas Samuel Moreno ofrecerá unha sesión de maxia de preto no Mercado de Tomiño con motivo da campaña ‘Quere o teu Mercado’. Xa pola tarde, Óscar Fernández actuará ás 17.00 horas na Praza da Mina e O Mago Paco fará o propio ás 18.30 horas na Praza Pintor Antonio Fernández de Goián. A xornada pecharase coa Gala Unipersonal da Maga Gisell, Sueños de una maga, ás 20.30 horas no Auditorio de Goián.


O domingo 31 continuará a programación con maxia na rúa ás 11.00 horas na Praza do Seixo da man de O Mago Paco e cunha nova sesión de maxia de preto con Óscar Fernández ás 12.30 horas no Espazo Isaura Gómez. Pola tarde, o Espazo Fortaleza de Goián acollerá outro espectáculo de Óscar Fernández ás 17.00 horas e o festival pecharase ás 20.00 horas coa Gran Gala Final no Auditorio de Goián.


Con esta terceira edición, Miñomáxico consolídase como unha das citas culturais máis singulares da comarca, levando a maxia máis alá dos escenarios tradicionais para encher Tomiño de ilusión, participación e cultura compartida.


The post O ilusionismo espállase por prazas e parroquias de Tomiño coa terceira edición de Miñomáxico appeared first on Concello de Tomiño.