Tomiño

Comunicacións

Tomiño

Mocidade máis activa que nunca en Tomiño con dous novos cursos da OMIX

Data de publicación: 06/05/2026

Serán dúas propostas centradas na elaboración artesanal de cosmética natural e produtos de benestar



A creatividade tamén se mestura, se emulsiona e se transforma. O Concello impulsa para este mes de maio dúas novas propostas formativas a través da OMIX de Tomiño dirixidas á mocidade que combinan coñecemento práctico, benestar e sustentabilidade.


O primeiro dos cursos será o de elaboración de mantecas corporais naturais, que terá lugar o sábado 16 de maioen horario de 10.30 a 13.30 horas nas instalacións da propia OMIX no Campo da Feira. Durante esta sesión de tres horas, as persoas participantes afondarán na formulación e creación artesanal de mantecas a partir de aceites vexetais, adaptadas a diferentes tipos de pel: dende as máis novas ata as máis maduras ou con necesidades específicas. Ao remate, cada persoa asistente levará consigo dous tarros de manteca corporal elaborados por el mesmo. O prezo da actividade é de 25 euros e as inscricións xa están abertas na web.


A segunda proposta chega o sábado 23 de maio co obradoiro de elaboración de bombas e sales de baño con aceites esenciais naturais e fragrancias, tamén en horario de 10.30 a 13.30 horas nas instalacións da OMIX. Nesta experiencia práctica e sensorial, o alumnado aprenderá a crear bombas efervescentes e sales minerais terapéuticas empregando ingredientes como sales de Epsom ou do Mar Morto, combinados con aceites esenciais e fragrancias. Un proceso creativo pensado para estimular os sentidos e promover o relax. O prezo deste obradoiro é de 20 euros e as persoas interesadas poden xa inscribirse na web.


Con estas iniciativas, o Concello continúa apostando por ofrecer á mocidade espazos de aprendizaxe alternativos, dinámicos e conectados cos seus intereses, fomentando ao mesmo tempo hábitos saudables, creatividade e autonomía persoal.


The post Mocidade máis activa que nunca en Tomiño con dous novos cursos da OMIX appeared first on Concello de Tomiño.