Tomiño

Comunicacións

Tomiño

Tomiño celebra o talento científico da súa mocidade

Data de publicación: 28/04/2026

Recepción no Concello ao alumnado do IES Antón Alonso Ríos que acadou o 2º premio en Química na Exporecerca Jove, a feira de investigación preuniversitaria máis importante do sur de Europa



O futuro da ciencia tamén se escribe dende as aulas de Tomiño. O Concello recibiu ao alumnado do IES Antón Alonso Ríos que vén de acadar o segundo premio na categoría de Química e Mocidade na XXVII Exporecerca Jove, unha das feiras de investigación preuniversitaria máis importantes do sur de Europa, polo seu proxecto “Cristais hidrofóbicos”.


Lucas Bautista González, Sharay Iglesias Rodríguez, Sofía Rodríguez Rodríguez e Jorge Sobrino Pintos foron recoñecidos por un traballo que xorde da observación da realidade máis cotiá: as dificultades que provocan as fortes choivas en Galicia e as marcas que quedan nos cristais cando a auga se evapora. A partir desa inquietude, desenvolveron unha investigación orientada a atopar substancias accesibles, non tóxicas e respectuosas co medio que permitan repeler a auga nas superficies de vidro.


No seu estudo comprobaron que materiais tan próximos como a espuma de afeitar ou o xabón artesanal elaborado no propio instituto poden funcionar como solucións eficaces, reducindo as marcas e mesmo evitando o empañamento en superficies como espellos, con aplicacións prácticas no día a día.


A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, felicitou ao alumnado polo recoñecemento e puxo en valor o alcance do seu traballo. “É emocionante ver como dende a curiosidade e o esforzo se poden lograr resultados que transcenden o aula e que mesmo teñen aplicacións reais na nosa vida diaria. Este premio fala dunha mocidade preparada, creativa e con capacidade para innovar”, recalcou.


Ademais, a rexedora quixo destacar tamén o papel do profesorado e da comunidade educativa neste premio, porque “detrás de proxectos como este hai moito traballo, acompañamento e compromiso. É un orgullo para Tomiño contar cun centro que impulsa este tipo de experiencias e que aposta por unha educación que vai máis alá dos libros”.


O Concello quixo trasladar o seu recoñecemento a todo o equipo participante, subliñando que este tipo de logros reforzan o compromiso municipal coa educación, a investigación e o talento novo como piares fundamentais para o futuro do municipio.


The post Tomiño celebra o talento científico da súa mocidade appeared first on Concello de Tomiño.