Tomiño

Comunicacións

Tomiño

A voz de Xosé Luís Franco Grande regresa a casa

Data de publicación: 22/04/2026

O Concello celebra o Día do Libro cunha homenaxe a este fillo predilecto de Tomiño


Será coa presentación este venres 24 ás 20 h no Espazo Isaura Gómez de ‘Un intre no tempo’, unha viaxe polos poemarios deste ilustre galeguista


 


A voz de Xosé Luís Franco Grande regresa a casa. O Concello renderá homenaxe a un dos seus fillos máis ilustres no Día do Libro cun acto cargado de emoción e memoria no que se presentará Un intre no tempo, unha viaxe polos catro poemarios deste intelectual galeguista nado en Tebra e declarado fillo predilecto da súa terra en 2012.


A cita será este venres 24 de abril ás 20.00 horas no Espazo Isaura Gómez, con entrada de balde, nun encontro que busca non só lembrar a figura do autor, senón tamén sentir e reivindicar o legado dun home esencial na historia cultural e lingüística de Galicia. Por que Franco Grande foi moito máis que un escritor, foi poeta, avogado, membro de número da Real Academia Galega e autor do primeiro dicionario galego-castelán, unha obra fundamental que abriu camiño para que xeracións enteiras puidesen aprender e vivir en lingua galega.


A súa traxectoria sitúao como unha figura ponte entre a Xeración Nós e o movemento galeguista da posguerra, sendo parte activa da chamada Xeración Galaxia, clave na recuperación cultural nun contexto de represión e silencio. A súa obra literaria, que abrangue poesía, teatro, ensaio e articulismo, deixa unha pegada fonda tanto na creación como na defensa da identidade galega.


A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, quixo destacar a importancia de facer esta homenaxe a Franco Grande, que “escribiu moito máis que libros, debuxou camiños para todo un pobo e axudounos a entender quen somos e de onde vimos”. A rexedora convidou a toda a veciñanza a participar neste emotivo acto, “un encontro para sentir, para deixar que as súas palabras nos atravesen e nos acompañen. Porque cando celebramos a figuras como Franco Grande, non só honramos a súa memoria, senón que mantemos viva a súa voz no presente”.


A presentación de “Un intre no tempo” será, así, unha oportunidade para achegarse á súa obra desde unha mirada actual, redescubrindo a forza da súa poesía e o valor do seu compromiso coa lingua e coa cultura galega. Unha cita para lembrar que hai palabras que non esvaecen co tempo, que seguen construíndo identidade e que, como o propio Franco Grande, sempre atopan o camiño de volta á casa.


The post A voz de Xosé Luís Franco Grande regresa a casa appeared first on Concello de Tomiño.