Tomiño

Comunicaciones

Tomiño

Galicia Suroeste levará a FITUR ‘Única’, unha campaña turística directa e rompedora en formato publicitario

Fecha de publicación: 14/01/2026

Será presentada na feira internacional máis importante do mundo o vindeiro xoves 22 en Madrid



Galicia Suroeste presentou a súa nova campaña de promoción turística do seu Xeodestino, ‘Única’, unha campaña directa, agresiva e rompedora, nun formato máis publicitario, onde as imaxes xeran a necesidade de coñecer e visitar un territorio inigualable. Unha proposta que reivindica a autenticidade e o carácter irrepetible dun territorio único.


A iniciativa foi presentada en primicia nun acto dirixido polo xornalista local Marci Varela no Muíño do Porto do Molle en Nigrán no que participou a presidenta de Galicia Suroeste e alcaldesa de Tomiño, Sandra González; o alcalde de Nigrán, Juan González; a nova representante institucional do Xeodestino e alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, e numerosas autoridades.


A campaña nace co propósito de poñer en valor aquilo que fai especial o suroeste galego: a súa natureza diversa, o seu patrimonio cultural, a súa gastronomía atlántica e o carácter acolledor das súas xentes. O concepto subliña que cada experiencia vivida en Galicia Suroeste é singular, auténtica e imposible de replicar noutro lugar.


Con esta iniciativa, o xeodestino procura consolidarse como un destino atractivo para un turismo responsable, que respecte o territorio e contribúa ao desenvolvemento económico local. A campaña estrutúrase arredor de catro eixos fundamentais: a natureza, a identidade, a cultura e a historia.


A campaña presentarase o vindeiro xoves 22 de xaneiro ás 17:50 horas en FITUR, un dos principais encontros do sector turístico de Europa para conquistar ao público coas bondades dunha terra, como ben indica a campaña “Única”. Aínda que o avance foi realizado xa no territorio, a entidade garda algunha pequena sorpresa para as persoas que se intereses polo destino en Madrid.


A campaña promocional, así como os actos de presentación contan coa colaboración da Xunta de Galicia, a través do convenio de colaboración entre Galicia Suroeste e a Axencia de Turismo de Galicia, para a promoción e a dinamización do Xeodestino.




The post Galicia Suroeste levará a FITUR ‘Única’, unha campaña turística directa e rompedora en formato publicitario appeared first on Concello de Tomiño.