Tomiño

Comunicaciones

Tomiño

O Espazo Isaura Gómez consolídase como punto de encontro e dinamización de Tomiño

Fecha de publicación: 04/01/2026

Nos seus tres primeiros meses de actividade, a biblioteca recibiu 7.785 visitantes e case un milleiro de novos socios e socias



O Espazo Isaura Gómez demostra que a cultura e a lectura teñen un lugar central en Tomiño. Nos seus primeiros tres meses de funcionamento, desde a súa inauguración en setembro, a biblioteca recibiu 7.785 visitantes e se expediron carnés a case un milleiro de persoas.


Durante este período, prestáronse 1.273 libros e catalogáronse 4.315 volumes que xa forman parte do fondo bibliográfico, con especial acollida entre o público usuario das seccións infantil e xuvenil, sobre todo banda deseñada, e da novela policial entre adultos. Ademais, realizáronse 950 visitas guiadas, tanto de centros educativos como de asociacións locais como a Asociación Vontade, Avelaíña ou San Xerome Emiliani, consolidando o Espazo Isaura Gómez como un lugar de encontro interxeracional e formativo.


A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou que “o éxito do Espazo Isaura Gómez vai máis aló das cifras: reflicte a implicación da veciñanza, a diversidade de actividades e o papel da biblioteca como motor de cohesión social e dinamización cultural na nosa comarca”.


Pola súa banda, a concelleira de Participación Veciñal, Cristina Martínez, engadiu que “cada préstamo, cada visita e cada actividade realizada confirma que este edificio pioneiro cumpre a súa vocación de espazo aberto, participativo e inclusivo, onde infancia, mocidade e persoas adultas atopan oportunidades de aprender, desfrutar e relacionarse”.


Entre as iniciativas máis destacadas destes primeiros meses está a programación “Biblioutono”, con sete actividades para públicos de todas as idades, como contacontos, espectáculos de monecreques, visitas dos Bolechas ou exposicións sobre Castelao e Jane Austen. Ademais, a biblioteca fixo uso de ferramentas innovadoras como LEO, o elfo traste, que dinamiza a participación infantil e promove o interese pola lectura durante as vacacións de Nadal.


A biblioteca tamén levou a cabo mostras bibliográficas temáticas (Manuel Rivas, Samaín, Castelao, literatura cozy asiática, violencia de xénero, Jane Austen e Nadal) e unha actividade especial polo Día das Bibliotecas, que fomentou a interacción e o coñecemento do fondo bibliográfico entre todas as persoas usuarias.


Con estes resultados, o Espazo Isaura Gómez consolídase como referente cultural no municipio e na contorna, e prepárase para seguir crecendo en 2026 co reforzo de novos fondos, actividades e visitas escolares, mantendo a súa esencia de punto de encontro, aprendizaxe e cultura para todos.


The post O Espazo Isaura Gómez consolídase como punto de encontro e dinamización de Tomiño appeared first on Concello de Tomiño.