O director xeral de Comercio entregou á alcaldesa e praceiros e praceiras o selo de Mercado Excelente, un distintivo que destaca a capacidade da praza de abastos para conxugar tradición e modernización comercial
Cando tradición e innovación camiñan da man, o resultado é un mercado vivo, competitivo e con futuro. O Mercado de Tomiño vén de renovar o selo de Mercado Excelente, un recoñecemento que acredita a súa capacidade para adaptarse aos novos retos do comercio sen perder a súa identidade nin a esencia que o converten nun punto de encontro clave para a veciñanza.
O director xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia, Gabriel Alén, fixo entrega á alcaldesa, Sandra González, e aos praceiros e praceiras da placa conmemorativa que certifica a renovación deste distintivo que recoñece a capacidade do Mercado de Tomiño para conxugar tradición e modernización comercial. O mercado tomiñés foi o primeiro de Galicia en obter este selo no ano 2018 e, na actualidade, só outros tres mercados (Vilagarcía de Arousa, Pontedeume e Carballo) contan con este recoñecemento autonómico.
A alcaldesa destacou que “a renovación do selo de Mercado Excelente é un orgullo colectivo e o resultado dun traballo compartido no tempo. É a proba de que apostar polo comercio de proximidade, pola calidade e pola innovación dá froitos”. González subliñou tamén o papel do Mercado de Tomiño como moito máis máis ca un espazo de compra, “é un motor económico, un punto de encontro social e un símbolo da identidade local”.
Con esta renovación do recoñecemento, Tomiño reafirma o seu compromiso cun modelo de comercio sostible, moderno e de proximidade, no que o mercado continúa a ser un espazo central para a vida económica e social do municipio. A rexedora quere agradecer aos praceiros e praceiras o seu compromiso e traballo diario para manter o mercado vivo e convertelo nun referente de dinamismo e calidade.
O Mercado de Tomiño é tamén o resultado dunha aposta innovadora do Goberno municipal, que xa no seu momento decidiu avanzar cara a un modelo de mercado moderno, aberto e vivo, que integrase non só a venda tradicional senón tamén espazos de restauración, actividade social e novos usos. Unha fórmula pola que daquela poucas administracións apostaban e que xerou escepticismo, pero que co paso do tempo demostrou ser un acerto. O deseño do novo mercado, centrado na calidade, na funcionalidade e na experiencia da clientela, marcou tendencia e converteuse hoxe nun referente para outros concellos, e nun mercado que funciona na súa totalidade, mantense activo, dinámico e consolidado como un dos mercados máis vivos de Galicia.
The post O Mercado de Tomiño revalida o seu selo de excelencia e consolídase como referente en Galicia appeared first on Concello de Tomiño.