Tomiño

Comunicacións

Tomiño

Tomiño consolida a súa boa saúde económica cuns orzamentos sólidos para 2026

Data de publicación: 15/12/2025

O Concello aprobou en pleno unhas contas de 10.63 millóns de euros para 2026 ás que se suman máis de 5 millóns en proxectos financiados con fondos europeos e doutras administracións



Tomiño encara 2026 cunha planificación económica histórica na que os 10,63 millóns de euros dos orzamentos municipais se verán amplificados por máis de 5 millóns de euros adicionais captados polo Concello a través de programas europeos NextGenerationEU, cooperación transfronteiriza e achegas doutras administracións que se executarán durante o vindeiro ano. Un impulso que converterá o próximo ano nun dos períodos de maior investimento público do municipio.


Tomiño aprobou este venres en pleno os seus orzamentos para o vindeiro ano, os primeiros nos que non se inclúe ningunha partida para amortización de crédito, grazas á débeda cero acadada polo Concello e ao superávit de máis de 3,5 millóns de euros pechado o 2024, unha situación excepcional que reforza a súa solvencia e capacidade de investimento.


A alcaldesa, Sandra González, salientou que estes orzamentos “representan un exercicio de responsabilidade, froito dunha xestión rigorosa que nos permite chegar á débeda cero e seguir avanzando coa mesma solvencia para prestar servizos públicos de calidade”. Neste camiño, a rexedora destacou especialmente o incremento da partida destinada aos Consellos Parroquiais, que contarán con máis recursos para atender pequenas obras e necesidades trasladadas directamente pola veciñanza. “É unha forma de seguir fortalecendo a participación real, de facer investimentos útiles e proporcionados ao que nos piden en cada parroquia”, explicou.


Captación de fondos europeos


Ao marxe das partidas orzamentarias, o Concello executará o vindeiro ano máis de 5 millóns de euros captados de fondos externos. Deste fondos, unha parte procederán dos máis de 7 millóns de euros de fondos europeos captados por Tomiño e O Rosal para levar a cabo a Estratexia de Desenvolvemento Local Integrado (EDIL), unha estratexia conxunta valorada cofinanciada con fondos FEDER dentro da modalidade de Áreas Urbanas Funcionais.


Tamén se executarán parte dos 1,5 millóns de euros en tres anualidades que se investirán na Senda do Río Pego, cofinanciados ao 80% pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil ou dos case 800.000 euros da Casa do Tempo, cofinanciados a través do programa PIREP do Ministerio de Transportes. Esta actuación transformará a antiga Casa dos Mestres nun espazo dixital e inclusivo orientado á preservación da memoria social e cultural da parroquia de Sobrada.


Tamén destacan os proxectos POCTEP, con 182.000 € captados a través dos programas REDE_GOV 2026, ADAPT 2026 e Eurocidade Intelixente; as axudas de Augas de Galicia de case 80.000 euros para mellora da rede de abastecemento ou a participación no programa europeo CERV – SCORE, que facilitará un intercambio deportivo e cultural dos participantes no programa Olympics4All da Eurocidade Cerveira-Tomiño coa localidade italiana de Cesena.


Partidas orzamentarias


Entre as partidas recollidas nos orzamentos do Concello de Tomiño para 2026 o incremento máis significativo prodúcese no capítulo de persoal, debido á entrada en vigor da modificación da RPT, que revaloriza os postos das e dos traballadores municipais e recoñece novas funcións e responsabilidades, cun impacto económico de máis de 200.000 euros distribuído en dúas fases: o 75% en 2026 e o 25% en 2027. Este proceso foi resultado de meses de diálogo e consenso con traballadores e sindicatos, consolidando un modelo de xestión interna máis xusto e equilibrado.


Pola súa banda, o capítulo de investimentos os orzamentos priorizan as intervencións nas parroquias como o plan de actuacións marcadas nos Consellos Parroquiais, como os saneamentos autónomos ou nas traídas de augas.


O Goberno local alerta tamén de que, a pesar de todos os investimentos Tomiño segue asumindo gastos que son competencias da Xunta, como o financiamento do SAF, o centro de día, as escolas infantís ou o canon de saneamento, que suman case un millón de euros.


The post Tomiño consolida a súa boa saúde económica cuns orzamentos sólidos para 2026 appeared first on Concello de Tomiño.