Tomiño

Comunicacións

Tomiño

Novos desafíos no II BTT Transibérico 2025 con dúas rutas de 35 e 53 km 

Data de publicación: 10/10/2025


A Eurocidade anima ás persoas afeccionadas ao ciclismo a participar neste encontro non competitivo para explorar natureza, cultura e historia de Cerveira e Tomiño





 Inscricións abertas ata o 17 de outubro





Traspasar fronteiras sobre dúas rodas e descubrir a beleza dun territorio compartido: esa é a proposta da II edición do BTT Transibérico 2025, que regresa á Eurocidade Cerveira–Tomiñoo vindeiro domingo 19 de outubro cun dobre desafío pensado para todos os niveis.





Este evento, promovido pola Eurocidade Cerveira–Tomiño en colaboración coa asociación Pedal’Arte de Vila Nova de Cerveira e Colibrí ACDR de Tomiño, consolídase como unha das citas máis atractivas para quen busca combinar deporte, natureza e convivencia sen fronteiras. Nesta segunda edición, as e os participantes poderán elixir entre dúas rutas, un percorrido curto de 35 km de distancia e 726 metros de subida total e un percorrido longo de 53 km cunha subida acumulada de 1.065 metros.





O paseo, de carácter non competitivo, invita a pedalear con calma e desfrutar de roteiros que permitirán ás e aos participantes conectar coa natureza, patrimonio e tradicións locais. A saída será na Praza do Seixo de Tomiñoás 08.30 h (PT) / 09.30 h (GA), con itinerarios guiados mediante tecnoloxía GPS que permitirán a cada ciclista seguir o seu ritmo con total autonomía.





Ademais de promover o deporte e o contacto coa natureza, o BTT Transibérico busca dinamizar o comercio e a hostalería da Eurocidade, con paradas en espazos culturais, negocios locais e puntos de interese turístico. A organización ofrecerá dorsal, seguro, avituallamento líquido e sólido, reforzo técnico e servizo de duchas ao final da xornada.





As inscricións xa están abertas e poderán realizarse ata o 17 de outubro, tanto de forma individual como en grupo.





Co BTT Transibérico 2025, a Eurocidade Cerveira-Tomiño reafirma o seu compromiso con iniciativas que unen á cidadanía a través do deporte, a cultura e a posta en valor do territorio común. Esta actividade está enmarcada na operación 0177_Eurocidade_CT_ADAPT_1_P, cofinanciada ao 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través da convocatoria INTERREG VA POCTEP.


The post Novos desafíos no II BTT Transibérico 2025 con dúas rutas de 35 e 53 km  appeared first on Concello de Tomiño.