Tomiño

Comunicacións

Tomiño

Máis de 700 estudantes tomiñeses descobren o novo Espazo Isaura Gómez

Data de publicación: 02/10/2025


Alumnado de infantil e primaria dos centros educativos de Tomiño están a visitar este edificio pioneiro que reúne biblioteca, arquivo municipal, aula CeMIT e outros servizos





Unha nova xeración de tomiñeses e tomiñesas está a descubrir estes días un dos lugares máis emblemáticos do municipio: o Espazo Isaura Gómez. Preto de 700 estudantes de infantil e primaria visitarán durante esta semana e a vindeira este edificio pioneiro que se converteu xa nun símbolo cultural de Tomiño, un punto de encontro que concentra servizos tan esperados como a biblioteca municipal, o arquivo, a Aula CeMIT, o servizo de atención temperá e espazos para a veciñanza.





As visitas comezaron esta semana co alumnado do CEP Plurilingüe Pedro Caselles Beltrán e continuarán nas vindeiras xornadas con outros centros educativos do municipio, nun programa pensado para achegar á cativada e á mocidade as posibilidades deste novo equipamento, concibido para ser motor de cultura, formación e dinamización social.





A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salientou a importancia deste contacto directo coa rapazada, xa que “queremos que o Espazo Isaura Gómez sexa un lugar vivo, que a veciñanza sinta como propio desde o primeiro día. Por iso é fundamental que os máis pequenos e pequenas coñezan e utilicen este edificio, que marca un antes e un despois na vida cultural e social de Tomiño”.





Ademais, a partir do luns estarán dispoñibles os novos carnés da biblioteca municipal, que se poden solicitar en dúas modalidades: unha exclusivamente para o préstamo de libros e outra que inclúe tamén o uso da aula de estudo. “É unha porta de entrada á cultura e á formación permanente, pensada para todas as idades e necesidades”, engadiu a rexedora.





Con estas visitas escolares e a posta en marcha dos carnés, o Concello consolida un proxecto chamado a ser referente para as próximas décadas e un espazo vertebrador da vida social e cultural do municipio e da comarca.






The post Máis de 700 estudantes tomiñeses descobren o novo Espazo Isaura Gómez appeared first on Concello de Tomiño.