De outubro a xaneiro o Concello propón unha axenda cultural con teatro, música, obradoiros, cinema e unha programación especial de Nadal
Tomiño estrea ademais plataforma en liña para a adquisición de entradas. A axenda pode consultarse actualizada e completa na web municipal
O ritmo cultural non se detén en Tomiño. O Concello prepara un outono cunha axenda cultural chea de propostas con arredor de 40 actividades diferentes e máis de 120 horas de lecerpensadas para todos os públicos, idades e gustos, un programa do máis variado do que a veciñanza poderá desfrutar de outubro a xaneiro.
No camiño por continuar ampliando a oferta de lecer para todos os públicos, todos os sábados a programación da axenda de outono estará destinada a público adulto, mentres que os domingos celebraranse actividades específicas para público familiar, convertendo o auditorio municipal de Goián no epicentro da vida cultural tomiñesa durante os últimos meses do ano.
A actividade comeza esta mesma fin de semana cunha dobre proposta teatral. O sábado 4 de outubro, ás 21.00 horas, Artika Cia presenta Non pasarán, unha obra ambientada nun lugar sacudido por unha vaga de incendios provocados, onde o lema da veciñanza é claro: non pasarán. Unha historia que fala de medo, desconfianza e solidariedade a través dos ollos de Cándido e a súa filla. Mentres, o domingo 5, ás 17.30 horas, chega Monstros, de Excéntricas Producións, un espectáculo humorístico para público infantil que convida a rir dos medos e aceptar as propias rarezas como parte da convivencia humana.
Unha completa programación na que o público atopará ademais tres cursos e actividades organizadas dende a OMIX de Tomiño, 11 obras de teatro, case unha ducia de espectáculos musicais e doutros xéneros, cinco obradoiros para público infantil e catro sesións de cine para as tardes de outono. Como ven sendo habitual, o mes de decembro estará protagonizado polo Nadal, con actividades solidarias, os tradicionais concertos da Coral Polifónica de Tomiño, da Banda infantil e xuvenil da Escola de Música e da Banda da Agrupación Musical de Goián, ademais da Cabalgata de Reis e unha morea de propostas para nenos e nenas.
“Temos xa en marcha un novo e completo programa trimestral no que aglutinamos todas as actividades de cultura, mocidade, deporte, voluntariado e transfronteirizas dun xeito cómodo e planificado”, salientou a alcaldesa, Sandra González, quen animou á veciñanza a “consultar a axenda de outono e desfrutar dunha morea de actividades coas que aprender, divertirse e gozar da cultura”. “Queremos que a veciñanza sinta que en Tomiño sempre hai algo que facer, algo novo que descubrir, un espazo para compartir en familia e tamén actividades pensadas para o desfrute individual. A cultura é unha ferramenta fundamental para fortalecer a comunidade, para educar en valores e para facer de Tomiño un concello máis aberto, dinámico e participativo”, recalcou.
Ademais, a axenda de lecer deste outono chega cunha novidade baixo o brazo: a estrea dunha plataforma en liña para a adquisición anticipada de entradas, aínda que as persoas que así o desexen poderán seguir mercando as entradas de forma presencial unha hora antes de cada evento no despacho de billetes do auditorio.A programación completa e actualizada pode consultarse xa na páxina web do Concello de Tomiño.
The post Tomiño enche o outono de vida con 40 actividades e máis de 120 horas de lecer appeared first on Concello de Tomiño.