O Concello pon en marcha no centro e nas parroquias unha nova edición de ‘Reactívate’, un programa de envellecemento activo ao abeiro da axenda ‘Impacto saudable’. Inscricións xa abertas na web
Tomiño, 19 de setembro de 2025.- As persoas maiores de Tomiño teñen unha nova oportunidade para coidar corpo e mente. O Concello inicia unha nova edición do programa Reactívate, unha iniciativa de envellecemento activo incluída na axenda Impacto Saudable, que combina actividade física, exercicios de estimulación cognitiva e actividades de lecer para mellorar a calidade de vida das persoas maiores de 55 anos.
Este ano, o programa volve expandirse de novo máis aló do centro urbano, chegando tamén ás parroquias de Barrantes, Sobrada e Tebra, co obxectivo de facilitar o acceso a todas e todos os veciños. As clases serán:
- Tomiño Centro: martes e venres de 10.00 a 12.30 h.
- Barrantes: xoves de 09.30 a 11.00 h e venres de 09.30 a 10.30 h.
- Sobrada: luns de 19.30 a 20.30 h e martes de 18.00 a 19.30 h.
- Tebra: martes de 16.00 a 17.30 h e venres de 11.00 a 12.00 h.
En Tomiño as sesións dividiranse en hora e cuarto de ximnasia e outra hora e cuarto de actividade psicolóxica, mentres que nas parroquias as sesións dunha hora corresponden á parte física das actividades mentres que nas clases de hora e media abordarase a parte cognitiva e psicolóxica do programa.
A alcaldesa, Sandra González, destacou a relevancia do programa para o benestar da poboación maior, xa que “Reactívate non só axuda a manterse en forma, senón que tamén fomenta o contacto social e fortalece a mente. É unha oportunidade para vivir máis activos e en comunidade, gozando dunha experiencia saudable e divertida”.
Pola súa banda, o concelleiro de Benestar Social, Rubén García, salientou a importancia de poder levar este programa ás parroquias, porque “permite que máis persoas poidan beneficiarse destas actividades. Queremos que todas e todos os nosos maiores se sintan incluídos e motivados para participar neste programa que combina saúde, actividade e sociabilidade”.
As persoas interesadas en participar poden inscribirse directamente no Concello de Tomiño ou a través do formulario habilitado na web municipal. Con esta nova edición, Tomiño reforza o seu compromiso coa promoción dun envellecemento activo, saudable e integrador, facendo do benestar unha prioridade para toda a poboación maior.
The post Tomiño anima aos seus maiores a reactivarse appeared first on Concello de Tomiño.