O grupo de participación infantil e xuvenil abre as súas portas a novas incorporacións, buscando a participación de nenos, nenas e adolescentes de 9 a 17 anos para reforzar as súas bases
A infancia e mocidade de Tomiño ten a oportunidade de facer sentir a súa voz. O Concello continúa apostando pola participación activa de nenos, nenas e adolescentes na vida municipal reforzando o grupo Voces Novas, un espazo pensado para que rapaces e rapazas de 9 a 17 anos poidan expresar a súa opinión, compartir ideas e propoñer cambios que melloren o día a día no municipio.
Nesta nova etapa o grupo de participación infantil e xuvenil busca coller pulo e ampliar a súa base, abrindo as portas a novas incorporacións. Para garantir unha representación diversa e plural Voces Novas fai un especial chamamento para contar con mozos e mozas de todos os centros educativos tomiñeses, xa que actualmente todas as persoas integrantes proceden do IES Antón Alonso Ríos.
O concelleiro de Mocidade, Agustín González, animou a toda a rapazada a participar e implicarse en Voces Novas, “un espazo onde mozos e mozas poden transformar as súas ideas en accións reais. Queremos que a infancia e mocidade de Tomiño saiba que aquí teñen un lugar para ser escoitados e para contribuír a facer do Concello un lugar máis próximo ás súas necesidades”.
O Concello, así como a dinamizadora do grupo, queren agradecer de corazón a implicación, o entusiasmo e o compromiso de Xoel, Irene e Carmen que formaron parte de Voces Novas ao longo destes últimos 5 anos, contribuíndo de forma decisiva a que Tomiño sexa un referente en políticas de participación infantil. Desexámoslles todo o mellor na nova etapa que comezan, coa certeza de que levarán con orgullo a experiencia vivida e que seguirán sendo exemplo de compromiso e cidadanía activa alí onde vaian. O obxectivo agora é seguir sumando novas voces con ilusión por transformar o concello nun lugar máis atento e próximo ás necesidades reais da infancia e adolescencia.
Entre as actividades destacadas desta nova etapa está a posta en marcha da campaña ‘Tomiño con Palestina’, unha iniciativa coa que a infancia e mocidade tomiñesa busca visibilizar o xenocidio que se está a perpetar en Gaza. Construíndo solidariedade dende o local, Voces Novas está levando a cabo accións centradas en tres eixos: difundir información sobre empresas ás que facer boicot, axudar directamente á familia de Saja Ayyad en Gaza e crear e vender pulseiras solidarias feitas por nenos e nenas de Tomiño.
Ademais, o grupo tamén prevé para este ano a participación no Encontro Autonómico de Participación Infantil e Xuvenil que terá lugar en Nigrán; a celebración do Pleno Municipal de Infancia, organizado en colaboración con todos os centros de ensino; e a asistencia ao Foro de Participación no Parlamento Galego, un espazo de diálogo e aprendizaxe con mozas e mozos de toda a Galicia. Todas estas accións forman parte da programación para conmemorar o 20N, Dia Internacional dos Dereitos da Infancia, xunto con outras moitas iniciativas que partirán das súas propias propostas de traballo.
Os nenos, nenas e adolescentes interesados en formar parte de Voces Novas poden xa inscribirse poñéndose en contactar co equipo dinamizador no teléfono 604 086 970 ou enchendo o formulario dispoñible na web municipal.
The post Voces Novas busca rapazada para tomar a palabra appeared first on Concello de Tomiño.