O encontro reuniu en Valença a preto de 400 participantes de varios concellos e da APPACDM Viana do Castelo
O equipo transfronteirizo Cerveira-Tomiño volveu facer historia ao revalidar o título de campión das Olimpíadas Interxeracionais – Olympics4All, que celebrou a súa novena edición en Valença reunindo preto de 400 persoas maiores de varios concellos e dun equipo da APPACDM Viana do Castelo. Esta vitoria representa a sexta conquista consecutiva para o grupo, confirmando a súa consistencia e dedicación.
A pesar dos éxitos competitivos, o verdadeiro espírito do proxecto vai moito máis aló dos títulos. A práctica regular de exercicio físico, a convivencia e a promoción do envellecemento activo son os piares das Olimpíadas Interxeracionais. Proba diso son os 40 membros do equipo Cerveira-Tomiño, que se xuntan dúas veces por semana no Parque de Lecer do Castelinho para adestramentos monitorizados, promovendo saúde, benestar e lazos de amizade.
A décima edición das olimpíadas interxeracionais Olympics4All terá lugar en 2026 no concello de Ponte da Barca, garantindo a continuidade e expansión desta iniciativa pioneira.
Dende a Eurocidade quérese enviar un agradecemento ao municipio de Valença pola excelente organización das Olympics4All, cun profesionalismo, dedicación e coidado en todos os detalles que foron determinantes para o éxito do evento. E dar un inmenso grazas a todas as persoas participantes por formar parte desta aventura que promove non só o deporte, senón tamén a inclusión, a amizade e a convivencia.
The post A Eurocidade Cerveira-Tomiño conquista por sexta vez consecutiva as olimpíadas interxeracionais Olympics4All appeared first on Concello de Tomiño.