Tomiño

Comunicaciones

Tomiño

Tomiño reforza a loita contra os lumes cun operativo pioneiro de coordinación e prevención

Fecha de publicación: 05/09/2025


Tras a segunda reunión da Xunta de Seguridade, o Concello activa novas medidas de control, novas ferramentas informáticas que facilitarán a localización dos recursos hídricos e sancións para garantir a seguridade veciñal fronte ao risco de incendios





Prepararse o mellor posible ante novos riscos. Con esta filosofía, o Concello de Tomiño celebrou a segunda Xuntanza de Seguridade, na que participaron a alcaldesa Sandra González, así como o concelleiro de Obras, Alexandre Pérez; o concelleiro responsable de Protección Civil, Agustín González; a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro; representantes de diferentes departamentos municipais, membros de Protección Civil, Policía Local e representantes da mancomunidade de comunidades de montes do Baixo Miño.





Nesta reunión o Concello afinou todos os detalles dun dispositivo de prevención e resposta fronte a posibles emerxencias por lume, especialmente tendo en conta que os meses de setembro e outubro presentan un risco alto na zona sur de Galicia. A alcaldesa, Sandra González, salientou a importancia desta planificación, “porque a loita contra os lumes non remata co verán. Non podemos baixar a garda e, por iso, estamos a reforzar a coordinación, a tecnoloxía e as medidas de prevención. O noso obxectivo é claro: garantir a máxima seguridade para a veciñanza e protexer o noso territorio”.





Entre as medidas acordadas, destaca a reactivación da limpeza das franxas secundarias de seguridade, enviando novas cartas de aviso á veciñanza e abrindo expedientes sancionadores en casos de incumprimento, xa que o risco de incendios aínda non rematou.





Por outra banda, o Concello xa dispón dunha nova ferramenta informática que permite a xeolocalización de todos os puntos de recarga de auga do municipio, ademais de poder acceder ás súas características técnicas e localizar a ruta máis rápida para chegar a elas en caso de emerxencia. 





Neste segundo encontro avanzouse tamén na definición e preparación dos recursos dispoñibles en pavillóns municipais en caso de ser necesaria unha evacuación, así como a delimitación e definición do necesario posto de mando. Ademais, a Xunta de Seguridade estuda a posibilidade de mercar o ano que ven novos recursos, como un dron que facilite a inspección das franxas secundarias de seguridade de maneira máis rápida e eficiente sen que sexa necesario que o persoal técnico se desprace ata as zonas en persoa para a revisión.





Entre as medidas que se levarán a cabo de forma inmediata, os concelleiros  e concelleiras desprazaranse a puntos estratéxicos como tomas de auga e outros recursos para comprobar o seu funcionamento, nun proceso que se complementará con visitas programadas xunto cos presidentes das comunidades de montes e das traídas de augas.


The post Tomiño reforza a loita contra os lumes cun operativo pioneiro de coordinación e prevención appeared first on Concello de Tomiño.