Tomiño

Comunicacións

Tomiño

Máis de 600 nenos e nenas viviron un verán cheo de deporte, aprendizaxe e diversión co Conciliaverán 2025

Data de publicación: 03/09/2025


O Concello investiu máis de 50.000€ en 500 horas de actividades deportivas, culturais e educativas para fomentar a conciliación e o lecer de calidade





O Concello de Tomiño converteuse este verán nun auténtico epicentro de deporte, creatividade e ocio de calidade. Máis de 600 nenos e nenas participaron no Conciliaverán 2025, gozando de máis de 500 horas de experiencias únicas en campamentos de tenis, pádel, voleibol, fútbol, balonmán, patinaxe, acrobacias, piragüismo, caiac, paddle surf, atletismo, kung fu, música, arte, robótica con LEGO e no campamento ecosocial.





Un proxecto cun investimento de máis de 50.000 euros co que o Concello apostou un verán máis pola conciliación familiar, o ocio de calidade e o fomento de hábitos activos entre a infancia e xuventude. Dende o Concello agradecen a confianza das familias e a implicación de monitoras e monitores que fixeron posible un verán inesquecible.





A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, subliñou que “levamos anos desenvolvendo os campamentos de verán, pero nunca tivemos unha oferta tan variada nin un investimento tan importante como este ano. Conciliaverán é un proxecto fundamental para facilitar a conciliación da vida familiar durante o verán e ao mesmo tempo promover hábitos saudables e activos entre a nosa infancia e mocidade. A resposta das familias foi moi positiva”.





Pola súa banda, o concelleiro de Benestar Social e Deportes, Rubén García, destacou que “a diversidade e calidade dos campamentos reforzaron un programa estival co que buscabamos atender os diferentes gustos e necesidades da infancia e xuventude tomiñesa. A resposta das familias foi moi positiva e estamos seguros e seguras que cada neno e nena gozou dun verán inesquecible e enriquecedor”.





Conciliaverán 2025 consolídase así como un programa de referencia en Tomiño e na contorna, non só polo seu volume e calidade, senón tamén porque forma parte dunha política clara do Concello de apostar por programas que teñen ás persoas no centro, fomentando a conciliación familiar, a participación activa e o desenvolvemento integral da infancia e xuventude. O Concello xa está a preparar a próxima edición para garantir que todos os nenos e nenas poidan desfrutar dun verán diferente, activo e educativo.


The post Máis de 600 nenos e nenas viviron un verán cheo de deporte, aprendizaxe e diversión co Conciliaverán 2025 appeared first on Concello de Tomiño.