Tomiño

Comunicaciones

Tomiño

As festas do Alivio de Tomiño enchen o final do verán de actividades de balde para toda a familia

Fecha de publicación: 02/09/2025


Actividades para todos os públicos serán as protagonistas da programación, que culminará co acto cívico do Alivio o sábado 13 de setembro as 21.00 horas





Tomiño prepárase para vestir as súas mellores galas coa chegada das Festas do Alivio, unha das citas máis agardadas do ano. Do 8 ao 13 de setembro, a Praza do Seixo converterase nun escenario cheo de música, teatro, circo e diversión para todos os públicos, cunha programación aberta e gratuítaque culminará coa celebración do Acto Cívico do Alivio o sábado 13 ás 21.00 horas.





A semana arrancará o vindeiro luns 8 de setembro ás 19.00 horas con ‘Abracadáver’, un espectáculo de circo terrorificamente divertido no que ilusionismo, teatro e misterio desafiarán os sentidos do público. Cada escena será un enigma, cada acto unha revelación nunha viaxe máxica na que o actor Dani Blanco presenta unha delirante proposta chea de sustos e bo humor.





Ao día seguinte, o martes 9, será a quenda do clown máis rebelde Peterpunk co seu espectáculo ‘A Chungatrona’, un festín de risas, acrobacias e música gañador do premio do público do Festiclown Rivas-Vaciamadrid. Co mellor do clown, a maxia da improvisación e un toque de irreverencia punk, o público poderá desfrutar dun espectáculo que se fai eco das raíces do circo clásico pero con selo propio. 





mércores 10Martiña Soñadora encherá a Praza do Seixo de baile, música e cancións creadas expresamente para nenos e nenas. Da man de Sabela King e Carlos Gil, o público moverase ao son de ritmos brasileiros, portugueses, de rock and rollo ou blues… con fermosas letras en galego e incluso en francés.





O último espectáculo para público familiar será o xoves 11 cun pomper ao aire libre, burbullas xigantes, cores que bailan ao aire libre e sorrisos que enchen o espazo. Un espectáculo para todas as idades no que a maxia do xabón cobra protagonismo.





Como ven sendo habitual, a programación cultural das festas do Alivio culminará co Acto Cívico o sábado 13 ás 21.00 horas, no que se renderá homenaxe a unha persoa vencellada á historia de Tomiño e no que, como cada ano, porá banda sonora a Agrupación Musical de Goián.





A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salientou que “o Alivio é o broche de ouro da nosa programación cultural de verán, unha festa que representa a unión da nosa veciñanza e que cada ano gaña máis relevancia tamén para quen nos visita”. A rexedora destacou o carácter familiar e inclusivo das actividades, “pensamos en todas as idades, porque queremos que cada persoa atope un espazo para desfrutar e compartir”.





A rexedora aproveitou tamén para agradecer o traballo da Comisión de Festas “no empeño por coidar e manter viva esta tradición está un grupo de homes e mulleres que traballan de forma altruísta todo o ano. O seu compromiso é exemplo de dedicación e entrega á comunidade”.





Con esta programación, o Concello de Tomiño pecha un verán con máis dunha trintena de actividades culturais, deportivas e artísticas, ofrecendo unha vez máis unha proposta diversa, participativa e pensada para o desfrute colectivo.


The post As festas do Alivio de Tomiño enchen o final do verán de actividades de balde para toda a familia appeared first on Concello de Tomiño.