Tomiño

Comunicacións

Tomiño

Tomiño súmase á campaña para acadar máis de 27.000 doazóns de sangue este verán

Data de publicación: 02/09/2025


A rúa Daniel Calzado Poceiro acolle a visita dunha unidade móbil da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue este xoves 4 de setembro de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 h





Nova cita coa solidariedade en Tomiño. Este xoves 4 de setembro, unha unidade móbil da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue estará na rúa Daniel Calzado Poceiro coas portas abertas para todas aquelas persoas que queiran achegar a súa pinga solidaria en horario de mañá ou tarde, de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas. 





A unidade móbil de ADOS estará toda a xornada para facilitar que a veciñanza poida continuar facendo as súas doazóns en plena época estival, un momento do ano especialmente crítico para manter as reservas nos hospitais galegos. A Axencia ten en marcha unha campaña especial durante este verán en toda Galicia para acadar as máis de 27.000 doazóns necesarias para garantir o tratamento de milleiros de doentes. Dende ADOS lembran que nestes intres están baixas as reservas dos grupos AB- e A+.





Cada día ADOS despraza dez unidades móbiles a diferentes puntos de Galicia e mantén abertos sete puntos fixos de doazón nos principais hospitais na procura de doazóns de sangue que despois son procesadas e preparadas para atender ás e aos doentes que así o precisen. Dende a Axencia lembran que as mulleres poden doar 3 veces ao ano e os homes catro e que cada doante que achega a súa pinga solidaria desde os 18 aos 65 anos podería salvar a máis de 500 persoas. 





As persoas interesadas en doar deben lembrar que só poden doar os maiores de 18 anos cun peso mínimo de 50 kg, que hai que almorzar ou agardar dúas horas despois do xantar e levar tarxeta de doazón, DNI ou documento similar. Recoméndase non acudir a doar se nos últimos 15 días se tivo febre, tose ou problemas respiratorios e débese informar ao persoal médico se se está a tomar algunha medicación.


The post Tomiño súmase á campaña para acadar máis de 27.000 doazóns de sangue este verán appeared first on Concello de Tomiño.