Tomiño

Comunicaciones

Tomiño

O obradoiro de emprego ‘O noso patrimonio’ recupera catro espazos etnográficos do Rosal e Tomiño

Fecha de publicación: 31/08/2025


As alcaldesas Ánxela Fernández Callís e Sandra González visitaron os traballos realizados ao abeiro desta formación remunerada en albanelería e carpintaría





A memoria patrimonial da comarca recobra forza grazas ao traballo da vintena de participantes no Obradoiro de Emprego Roteiros etnográficos O Rosal – Tomiño, ‘O noso patrimonio’. Os concellos do Rosal e Tomiño impulsaron esta formación remunerada en oficios con grande saída laboral como son a albanelería e carpintería en colaboración co Xunta de Galicia e o Servizo Público de Emprego Estatal co obxectivo de dar unha nova oportunidade a persoas desempregadas ao tempo que se apostaba pola recuperación patrimonial dos municipios. 





A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, e a de Tomiño, Sandra González, visitaron estes dúas algunhas das actuacións realizadas, poñendo en valor a dobre finalidade do programa, “recuperar o noso legado e, ao mesmo tempo, abrir novas portas laborais para a veciñanza”. Durante a formación, o alumnado levou a cabo varias labores de restauración en albanelería e carpintaría no camiño e muíños do Folón, no muíño de Pedro, no lavadoiro do Regatiño e a súa contorna e no lavadoiro do Marco. 





“Este proxecto é unha mostra clara de como a formación pode ser motor de cambio real, tanto na vida das persoas participantes como no propio territorio, que gaña espazos rehabilitados e postos en valor”, destacou Ánxela Fernández Callís.





Pola súa banda, Sandra González subliñou que “a cooperación entre concellos permítenos poñer en marcha programas que dan resultados visibles: patrimonio recuperado, economía local dinamizada e xente capacitada para incorporarse a un mercado laboral con alta demanda en carpintaría e albanelería”.





Ao longo dos últimos nove meses, o alumnado recibiu máis de 1.200 horas de formación teórica e práctica no centro da Mata, uns coñecementos adquiridos en albanelería ou carpintaría que aplicaron nos rosaleiros muíños do Folón, onde levaron a cabo unha intervención no camiño, realizaron traballos de reparación das partes das canles danadas, repararon sendeiros, empedraron zonas erosionadas, repararon muros de contención danados , executáronse sistemas de drenaxe, substituíronse tellas rotas nos propios muíños, incorporaron nova sinalética en diferentes puntos do camiño, montaron dúas pontes novas e recuperaron unha das xa existentes, entre outras accións.





En Tomiño, o alumnado acometeu a recuperación do muíño de Pedro, no que se demoleu a cuberta, se repararon os muros de cachotería, se completaron aqueles nos que se producira algunha perda de material e cubriuse de madeira cun sistemas de placas de fibrocemento completada cunha capa a base de tella cerámica curva. Ademais, limpouse a zona da fonte e do manancial, colocáronse chanzos de baixada e tubaxes de saída da auga, executouse unha nova cuberta cunha estrutura a base de pezas de madeira e instalouse unha nova porta elaborada en madeira maciza.





A través do obradoiro de emprego tamén se levou a cabo a limpeza do lavadoiro tomiñés do Regatiño; canalizouse a auga; colocouse unha cuberta de fibrocemento, tela illante e tellas; e fabricouse unha nova cuberta cunha estrutura a base de cerchas de madeira sobre as que se asentaron un conxunto de correas. 





Por último, no lavadoiro do Marco, tamén en Tomiño, demoleuse a cuberta antiga e colocouse unha nova con pezas de fibrocemento, illante e tellas, limpáronse e restauráronse pezas de pedra existentes, reparáronse os muros de cachotería e creouse e instalouse unha nova cuberta de madeira.





As rexedoras destacaron a importancia de levar a cabo iniciativas como o Obradoiro de Emprego Roteiros etnográficos O Rosal – Tomiño, ‘O noso patrimonio’, que “permite achegar ao alumnado a oficios de sectores estratéxicos cunha alta demanda laboral na contorna, o que nos permitirá ademais fomentar a economía local nos nosos concellos”. Ademais, durante o encontro co alumnado puxeron en valor a importancia da colaboración entre os dous concellos para poñer en marcha proxectos “que xa sabemos que dan os seus froitos e que están avalados por experiencias anteriores como o Agroemprega, que rematou cunha alta taxa de inserción laboral do máis dun cento de persoas participantes”.


The post O obradoiro de emprego ‘O noso patrimonio’ recupera catro espazos etnográficos do Rosal e Tomiño appeared first on Concello de Tomiño.