O Concello de Tomiño continúa a súa aposta por unha programación cultural aberta, diversa e para todas as idades
Esta semana, a axenda tomiñesa inclúe dúas propostas singulares dentro dos ciclos #Pequeverán e #Son&Serán, que levarán á Praza da Mina e á Praza do Seixo enerxía, ritmo e cine.
O xoves 28 de agosto, ás 19:30 horas, a Praza da Mina converterase nun auténtico escenario de enerxía e diversión coa música de María Faltri, recoñecida picadiscos que traerá unha sesión única pensada para un público familiar. Cunha selección musical chea de sabor, fusión e autenticidade, a artista convidará a cantar, brincar e vivir ao máximo unha tarde que promete moito movimiento.
A programación continuará o venres 29 de agosto, ás 22:00 horas, coa proxección de O neno e a garza (The Boy and the Heron) na Praza do Seixo, dentro do ciclo #Son&Serán. Dirixida polo prestixioso Hayao Miyazaki, a película relata a historia de Mahito, un mozo que, tras a perda da súa nai, se aventura nun mundo compartido por vivos e mortos. Nesta viaxe fantástica, descubrirá que a morte pode dar paso a novos comezos e que a amizade é unha forza capaz de traspasar fronteiras. Con beleza visual e unha narrativa profundamente emotiva, esta obra semiautobiográfica é un tributo á imaxinación e á esperanza.
Con estas dúas propostas, o Concello de Tomiño convida a veciños, veciñas e visitantes a participar activamente dunha semana que mestura arte e entretemento.
The post Tomiño pecha agosto con música, baile e cine para todos os públicos appeared first on Concello de Tomiño.