Tomiño

Comunicacións

Tomiño

Tomiño avanza cara ao Plan 2 Millóns reactivando a máis de 150 persoas

Data de publicación: 17/07/2025


O Concello multiplicou esforzos para levar este ano o programa Reactívate de envellecemento activo ás parroquias e poñer en marcha unha axenda saudable con actividades de balde para a veciñanza





Tomiño continúa avanzado para converterse nun referente do benestar e da vida activa en Galicia implicándose a fondo no Plan 2 Millóns, a iniciativa do Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar que busca conseguir que dous millóns de galegos e galegas leven un estilo de vida activo antes do 2030. Este ano o municipio volveu demostrar o seu compromiso coa saúde da veciñanza ampliando o programa Reactívate, que por primeira vez chegou ás parroquias e levou o envellecemento activo a case un cento de persoas maiores do municipio.





A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, recibiu este martes as e aos integrantes deste programa, a quen quixo agradecerlles o seu entusiasmo e compromiso cunha vida máis activa. Durante o acto, a rexedora subliñou que “o Reactívate é un dos programas que máis satisfacción nos dá poñer en marcha, porque non só se trata de poñer en forma ás persoas maiores, senón de axudarlles a coidar corpo e mente, a compartir momentos con outras persoas e a sentirse integrados e activos”. 





Pola súa banda, o concelleiro de Benestar Social, Rubén García, puxo o foco tamén na novidade desta edición do Reactívate, subliñando que “levar o programa ás parroquias foi un paso adiante para que cada vez máis veciños e veciñas poidan beneficiarse desta oportunidade. Non queremos que ninguén quede atrás, senón que todas e todos se sintan integrados e con ganas de participar”.





O programa Reactívate é unha das actividades que o Concello puxo en marcha ao abeiro da súa axenda Impacto saudable, deseñada para mellorar o benestar físico, emocional e social da veciñanza e co que se busca tamén cumprir cos retos do Plan 2 Millóns. Nesta edición a axenda saudable tamén incluío a marcha nórdica entre a súa oferta, un deporte que sempre ten grande éxito de acollida. Nesta edición, unha vintena de persoas mergulláronse nesta actividade deportiva ao aire libre que mellora a saúde cardiovascular e muscular ao tempo que reduce o impacto nas articulacións. 





“Desde o Concello temos claro que a actividade física é esencial para a calidade de vida da nosa xente. Formar parte do Plan 2 Millóns permítenos sumar esforzos e fomentar hábitos saudables en toda a poboación, apostando por unha Tomiño máis viva, activa e cohesionada”, destacou a alcaldesa, Sandra González.


The post Tomiño avanza cara ao Plan 2 Millóns reactivando a máis de 150 persoas appeared first on Concello de Tomiño.