Tomiño

Comunicaciones

Tomiño

A gaita barroca soa en Tebra con Nadia Vázquez e o programa Música&Románico

Fecha de publicación: 09/07/2025


A música galega fai parada este venres 11 de xullo na Igrexa de Santa María de Tebra (20 h) para fusionar a forza da música tradicional co patrimonio histórico nunha experiencia inesquecible





Unha tarde para que a música transporte ao público séculos atrás para sentir o patrimonio máis vivo que nunca. Este venres 11 de xullo ás 20.00 horas, a Igrexa de Santa María de Tebraconverterase nun escenario único onde o pasado e o presente dialogarán ao son da gaita barroca grazas a unha nova cita co Música&Románico, un programa impulsado polo Concello que busca achegar ao público concertos musicais en xoias únicas do século XII de Tomiño. 





A protagonista deste concerto será Nadia Vázquez, unha artista que fixo historia ao converterse na primeira muller en gañar o concurso solista de cornamusa do festival Le son continu no emblemático castelo medieval de Ars, en Francia, un dos máis prestixiosos do mundo na música tradicional. Un logo que só outro galego conquistara antes, o recoñecido gaiteiro e luthier Antón Varela.





Acompañada de dous músicos, Vázquez fará resoar en Tebra a forza da música tradicional recuperando a gaita barroca co seu son ancestral dos séculos XVII e XVIII mesturándoa coas linguaxes do presente. Con paixón pola música dende ben pequena, a artista converteuse na súa longa traxectoria como unha das voces máis singulares da música de raíz.





A alcaldesa, Sandra González, lembrou que Música&Románico “é unha auténtica xoia para Tomiño. Ofrecemos concertos que unen o noso valioso patrimonio histórico coa potencia emocional da música, creando momentos únicos que quedan na memoria da veciñanza e de quen nos visita”. A rexedora destacou que iniciativas como esta son tamén “unha forma de poñer en valor as nosas catro igrexas románicas, dándolles tamén vida como espazos culturais e consolidando a identidade dun territorio que é arte, historia e tradición viva”.


The post A gaita barroca soa en Tebra con Nadia Vázquez e o programa Música&Románico appeared first on Concello de Tomiño.