Tomiño

Comunicacións

Tomiño

Tomiño mellora o Centro Social de Pinzás para maior confort da veciñanza

Data de publicación: 09/07/2025


Dando resposta á demanda de usuarios e usuarias, o Concello investiu 10.000 euros na reforma deste espazo, centrada no acondicionamento acústico e na eficiencia enerxética





No Centro Social de Pinzás escóitase mellor ca nunca. Na súa aposta por mellorar os equipamentos públicos, o Concello de Tomiño realizou obras de mellora neste espazo fundamental para a vida veciñal da parroquia cunha intervención que dá resposta directa ás necesidades trasladadas nos últimos anos polos usuarios e usuarias.





A intervención centrouse principalmente no acondicionamento acústico do local, instalando paneis que permiten un mellor comportamento sonoro e aseguran o desenvolvemento de actividades con máis comodidade e calidade. Grazas a esta mellora, as iniciativas promovidas no centro pola Asociación Veciñal de Pinzás e outras entidades poderán realizarse nun ambiente moito máis confortable.





Pero a reforma foi máis alá. Traballos de pintura, reparación da cheminea, mellora da capilaridade, impermeabilización do inmoble e instalación de iluminación LED completan unha actuación que apostou tamén pola eficiencia enerxética e pola durabilidade das instalacións.





“O noso compromiso é claro: mellorar os espazos que emprega a veciñanza. Os centros sociais son lugares clave para a convivencia e deben estar á altura da súa función comunitaria”, sinala a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, quen destaca tamén a importancia de escoitar as demandas cidadás para orientar os investimentos públicos.





O custo total da reforma ascendeu a 16.000 euros, dos cales o Concello de Tomiño achegou 10.000 euros e a Comunidade de Montes de Pinzás contribuíu con outros 6.000 euros, nun exemplo de colaboración institucional e implicación veciñal.





Con esta actuación, o Concello dá un paso máis no seu obxectivo de dotar á cidadanía de espazos públicos accesibles, confortables e pensados para o benestar común.


The post Tomiño mellora o Centro Social de Pinzás para maior confort da veciñanza appeared first on Concello de Tomiño.