O Espazo Fortaleza de Goián viviu unha xornada única cunha nova edición da Gladiator Race Junior, que reuniu a 400 rapaces e rapazas para superar retos e compartir valores
Verán, deporte e infancia e mocidade mesturáronse o pasado sábado en Tomiño para regalar unha estampa inesquecible: arredor de 400 guerreiros e guerreiras lanzáronse a conquistar a Eurocidade Cerveira-Tomiño durante unha nova edición da Gladiator Race Junior, transformando o Espazo Fortalez de Goián nun auténtico escenairo de superación, diversión e convivencia.
A cita converteuse nunha festa do deporte ao aire libre na que rapazas e rapaces das dúas beiras do Miño demostraron non só a súa forza física, senón tamén valores tan importantes como o compañeirismo, a igualdade e o respecton tanto nas e nos participantes individuais como nos equipos mixtos.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou a ilusión das e dos participantes, a quen “nin sequera a calor foi quen de frear as gañas destas pequenas e pequenos gladiadores, que nos deron unha lección de enerxía, ilusión e deportividade”. A rexedora resaltou o orgullo que supón para o Concello “poder formar parte da organización dunha proba tan especial, que une o deporte coa convivencia e reforza a nosa irmandade con Cerveira!. “A Gladiator Race Junior é moito máis que unha carreira de obstáculos, é un símbolo de cooperación transfronteiriza e de aposta pola nosa infancia e mocidade, que é o futuro desta Eurocidade”, salientou.
A Gladiator Race Junior forma parte do Orzamento Participativo Transfronteirizo (OPT) da Eurocidade, un claro exemplo de como a colaboración entre estes concellos participantes pode transformar as ideas en eventos deportivos que fomenten a actividade física e a convivencia familiar. Este ano, os nosos gladiadores non só competiron por diversión, senón que tamén formaron parte dunha experiencia que destaca pola súa singularidade na comarca.
Cun percorrido cheo de retos e risas, esta proba deixou pegada no corazón das e dos competidores, nas modalidades tanto individual como en equipo, que se organizaban en Mini Kids, para nenos e nenas de 3 a 6 anos; Kids, de 7 a 11 e a categoría Junior, na que os mozos e mozas de 12 a 20 anos participaron en equipos mixtos cun percorrido de 2’5 km e 25 obstáculos.
Esta actividade enmárcase na operación 021_REDE_GOV MINHO, cofinanciada ao 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través de INTERREG VI-A POCTEP.








The post As e os gladiadores encheron a Eurocidade Cerveira-Tomiño de deporte, igualdade e convivencia appeared first on Concello de Tomiño.