Tomiño

Comunicacións

Tomiño

Tomiño alza a voz por Palestina nun acto solidario no Espazo Fortaleza de Goián

Data de publicación: 23/06/2025


O Concello e o colectivo Baixo Miño con Palestina únense este sábado 28 de xuño ás 11.00 horas para amosar a súa repulsa ao xenocidio en Gaza 





Tomiño alza a voz contra a barbarie. O Concello e o colectivo Baixo Miño con Palestina organizan o vindeiro sábado 28 de xuño un acto solidario no Espazo Fortaleza de Goiánpara amosar a súa repulsa polo xenocidio que o Estado de Israel está a cometer contra o pobo palestino en Gaza.





A partir das 11.00 horas, a veciñanza poderá participar nun evento cargado de memoria e humanidade que contará con recitais poéticos, intervencións de persoas representantes do colectivo organizador e pequenas pezas musicais representativas que darán forma a unha mensaxe colectiva de solidariedade.





Como símbolo visual e peche do acto de repulsa, Concello e colectivo despregarán un mosaico de letras xigantes coa mensaxe Stop Xenocidio como berro en defensa da vida e dos dereitos humanos.





“Desde Tomiño queremos ser altofalante da dignidade, da xustiza e da paz. Non podemos mirar cara a outro lado mentres se cometen atrocidades contra a poboación civil, e este acto é unha mostra do noso compromiso coa defensa dos dereitos fundamentais”, declarou a alcaldesa, Sandra González.Desde hai uns días, unha faixa pendurada no balcón do Concello recorda cada día este compromiso co pobo de Palestina, coa vida e coa liberdade. 





The post Tomiño alza a voz por Palestina nun acto solidario no Espazo Fortaleza de Goián appeared first on Concello de Tomiño.