O vindeiro sábado 7 de xuño a Eurocidade Cerveira-Tomiño promove unha mesa redonda para conmemorar os 40 anos da sinatura do Tratado de Adhesión de Portugal e España á entón Comunidade Económica Europea (CEE). O encontro ten como obxectivo destacar o papel da Unión Europea na promoción da cooperación transfronteiriza e no desenvolvemento das comunidades locais.
A iniciativa, prevista para as 10:30 h (hora portuguesa), celebrarase no Palco das Artes e reunirá voces recoñecidas do panorama político e académico para reflexionar sobre os impactos da integración europea, compartir experiencias e debater os retos e oportunidades que se presentan para o futuro da UE, especialmente nas rexións de fronteira.
Moderada por Paulo Monteiro, director do grupo de comunicación Arcada Nova, a mesa redonda contará coa participación do eurodeputado Francisco Assis; do presidente da Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira; da alcaldesa de Tomiño, Sandra González; e de Xavier Martínez, especialista en cooperación transfronteiriza da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e docente da Universidade de Vigo. Entre os temas a tratar figuran o contexto socioeconómico e político de Portugal e España antes da adhesión, a evolución das rexións de fronteira, os principais beneficios achegados pola UE —como o espazo Schengen, o euro ou a facilitación do comercio—, así como os desafíos pendentes para garantir unha Europa máis cohesionada e inclusiva.
A sesión retransmitirase en directo a través das redes sociais da Eurocidade Cerveira-Tomiño e dos dous municipios, permitindo así un seguimento amplo da poboación a ambos lados da fronteira. Trátase dunha iniciativa organizada por EUROPE DIRECT Minho e a Eurocidade Cerveira-Tomiño, enmarcada nas celebracións do 40º aniversario da adhesión de Portugal e España á CEE, formalizada o 12 de xuño de 1985.
The post Cerveira e Tomiño conmemoran os 40 anos da adhesión de Portugal e España á CEE cunha mesa redonda sobre cooperación europea appeared first on Concello de Tomiño.