As melloras suporán un investimento de 140.000 euros que se financiarán en parte cunha subvención por importe de 111.505,54 € procedente de fondos europeos
O Concello de Tomiño comeza estes días as obras de mellora da eficiencia enerxética no edificio do Campo da Feira, no que funcionan aos oficinas da OMIX (Oficina Municipal de Información Xuvenil), Orientación Laboral e a Aula CeMit. Servicios que pasan a situarse, no caso da OMIX e Orientación Laboral, nas oficinas situadas na rúa Bos Aires, 4 (local 3), mentres que a Aula Cemit pasa ás instalacións da Escola Obradoiro (Goián), no horario habitual: de luns a venres de 9.15 a 13.45h, e os martes, tamén de 16.30 a 20.30h.
As melloras teñen un orzamento elixible total de case 140.000 euros que se financiarán en parte cunha subvención por importe de 111.505,54 € procedente da Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027.
O principal obxectivo da actuación sobre esta edificación municipal é o de reducir as súas emisións de gases efecto invernadoiro, así como diminuír a súa demanda de enerxía actual, polo que as obras se orientarán a aplicación de medidas activas e pasivas que propicien ese fin. En concreto, as obras consistirán na substitución do actual sistema de calefacción por radiadores eléctricos, por un sistema de climatización de alta eficiencia (bomba de calor para aerotermia e sistema de solo radiante).
Asemade, substituirase o sistema actual de iluminación formado por luminarias de halóxenos metálicos de 100W, por un sistema máis eficiente de campás de led de 50W, no que se incorporarán sensores de luminosidade e presenza, con detector de movemento para adecuar a iluminación e o consumo en función da iluminación exterior e da presenza ou non de usuarios e usuarias na instalación.
Ademais, crearase unha rede de renovación de aire con recuperador de calor aire-aire, rehabilitándose a totalidade da envolvente do edificio coa adición do illamento da cuberta, solo e cerramentos perimetrais.
Estas medidas suporán un consumo de enerxía primaria non renovable de 24,53 kWh/m2 e un valor de emisións de gases efecto invernadoiro de 4,16 kgCO2/m2 ao ano, o que representa en ambos casos, unha redución do 80,3 % con respecto á situación actual.
The post Tomiño comeza as obras de mellora da eficiencia enerxética do edificio do Campo da Feira, cun investimento de 140.000 euros appeared first on Concello de Tomiño.